O sector dos cultivos no Baixo Miño xera máis de 500 empregos directos e máis de 200 indirectos
Unha trintena de produtores do mundo do viveirismo (planta ornamental, flor cortada, horta, xardinería) e empresas auxiliares do campo, danse cita na décima primeira edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño, esta fin de semana, no pavillón polideportivo de Goián (Tomiño). Un sector que xera máis de 500 empregos directos (70% deles femininos) e máis de 200 indirectos.
Organizada por Acubam (Asociación Cultivos do Baixo Miño) en colaboración co Concello de Tomiño, a feira abarca unha superficie total de 1500 metros cadrados de exposición e venda.
Esta mediodía, tivo lugar a inauguración da mostra, presidida pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e presidente de Acubam (Asociación de Cultivos Baixo Miño), José Cosmed.
Entre os asistentes, estiveron tamén os alcaldes da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas; do Rosal, Jesús María Fernández Portela; de Allariz, Francisco García; delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís e Alfonso Ruano, responsable de Agader.
Tomás Fernández-Couto felicitou aos organizadores da exposición porque supón un “escaparate de excepción que garante a exhibición dunha gran diversidade de variedades de plantas ornamentais”. Tamén, porque representa unha interesante ocasión de negocio e porque “permitirá que os visitantes vexan de primeira man que a vida dedicada ao rural é rendible e axudará a que se entendan as actividades no rural non como un último recurso, senón como unha forma de vida a estudar e valorar”.
A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, reiterou “o apoio incondicional” do Concello a esta mostra, e agradeceu a implicación dos produtores na organización de mesma, resaltando a importancia cada vez maior que ten o sector na economía da comarca.
Dirixíndose ao secretario de Medio Rural, a rexedora local, aseguroulle que “queremos ensinarlle a paixón, corazón e ansias con que os viveiristas levan adiante o seu proxecto”. González salientou a profesionalización da Mostra, que dá un paso adiante cun día exclusivamente dedicado á atención de clientes e profesionais, e cualificou o certame como “referente galego do viveirismo de Galicia, ao que se dedicaron tempo e esforzo”.
Estendeu os agradecementos aos artistas que expoñen as súas obras no recinto feiral, xunto ás plantas; así como ao Festival Internacional de Allariz que mostra no espazo exterior do pavillón de Goián o xardín que obtivo o primeiro premio.
O presidente de Acubam, resaltou as novidades desta edición, coma que a primeira xornada se adicará exclusivamente aos profesionais do sector, e que a de mañá domingo, será para público en xeral. Tamén que, por primeira vez, organízase unha ruta guiada por seis viveiros da zona, co fin de que os visitantes (profesionais) poidan coñecer in-situ a produción do sector, e ampliar a súa visión do que teñen na mostra.
O sector dos cultivos na comarca do Baixo Miño, xera máis de 500 empregos directos (70% deles femininos) e máis de 200 indirectos. Na actualidade, adícanse unhas 600 hectáreas ao cultivo de planta ornamental e flor. A distribución da produción faise en España (60 %) e no estranxeiro (40 % restante), cunha facturación anual que supera os 55 millóns de euros.











