O Santiago Futsal xógase o play-off no derbi ante o Burela
O Santiago Futsal xógalla este sábado en Burela nun dos derbis máis apaixonantes dos últimos anos, e é que a falta de tan só dúas xornadas para o final de liga, e con catro postos de play-off aínda por decidir, os de Santi Valladares e os de Juanlu Alonso xóganse o todo polo todo nun partido a vida ou morte por conseguir unha praza no play-off polo título.
A día de hoxe, as cousas están da seguinte maneira: o Santiago Futsal é oitavo con 36 puntos e empatado a puntos en novena posición está o Burela Pescados Rubén. Tras o empate da primeira volta no Multiusos, si o Santiago Futsal vence o sábado en Vista Alegre tería gañado o gol-average particular a Burela en caso de empate a puntos a final de tempada e viceversa. Por tanto, aos dous só válelles a vitoria.
Os choques previos entre ambos os rivais son o mellor exemplo, e é que nas dúas últimas tempadas, Santiago Futsal e Burela FS enfrontáronse até en 9 ocasións (5 amigables de pretemporada, 1 semifinais de Copa Xunta e 3 partidos de liga) con dúas vitorias para Burela, tres para Santiago e 4 empates, un dos cales se decantou en penaltis cara a Santiago Futsal e outro para Burela, polo que non pode haber máis igualdade.
Ademais, este sábado, o Santiago Futsal non estará só. Un autobús cheo de afeccionados, máis unha gran cantidade que se desprazarán pola súa conta, apoiarán aos de Santi Valladares nesta auténtica final con todos os ingredientes necesarios para converterse no encontro da xornada.
Sala de prensa
Esta mañá, Santi Valladares, técnico do Santiago Futsal, afirmou que “o partido ante Burela é o máis parecido a unha final, coa diferenza de que gañar non implica gañar nada e perdela tampouco, porque aínda quedaría un partido e poden pasar tantas cousas”.
As contas de Santi pasan por “gañar en Burela. Si gañamos en Burela, terían que darse unhas circunstancias moi particulares para quedarnos fose do play-off. Hai enfrontamentos directos e tantos resultados que se poden dar, que non mo expoño”.
Tras a última derrota en Liga ante Peñíscola, o técnico recoñece que “o equipo está tocado. Fixemos correccións sobre o ocorrido e o equipo sabe que cometeu erros, fundamentalmente de tipo individual”.
O técnico espera un derbi “quente, moi intenso. Pero hai moitas variables que se poden dar, é un derbi a dúas xornadas xogándonos ambos o play-off, nunca me vin nesa situación, pode pasar calquera cousa. É un partido que aínda que non sexa definitivo, pode ser moi aclaratorio”.
Analizando ao seu rival, Santi Valladares considera que Burela “ten un equipo para estar aí arriba, díxeno desde o principio. Pero todo proxecto leva o seu tempo e o seu traballo. Ten unha gran portaría, xogadores dun para un, calidade de pase, gol… Foron de menos a máis e é un proxecto a longo prazo e o lóxico é que estea no play-off”.











