O Santiago Futsal quere pechar a tempada levantando a Copa Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Santiago Futsal termina mañá a tempada disputando a Final da Copa Xunta na Malata (Ferrol) ante o Burela Pescados Rubén, a partir das 19h. Desde as 17h celebrarase a final feminina que enfronta ao Ponte Ourense e ao Burela FSF.

Os santiagueses disputarán a súa décima final de Copa Xunta co obxectivo de levantar por sexta vez este trofeo, do que se proclamou campión en cinco ocasioóns, as mesmas que Azkar Lugo, vixente campión tras vencer a tempada pasada en penaltis ao conxunto dirixido por Santi Valladares.

Así, o Santiago Futsal quere terminar a tempada cun sabor doce tras terminar a liga Regular en novena posición, sen poder clasificarse para o play-off polo título. En fronte terá ao Burela Pescados Rubén, que si logrou o seu obxectivo de clasificarse para o play-off, polo que non será este o seu último partido da tempada.

Os encontros previos entre Santiago Futsal e Burela Pescados Rubén mostran unha gran igualdade entre ambos os rivais, reflectida nos últimos resultados, que terminaron con empate a uns no partido da primeira volta no Multiusos e con empate a dous na segunda volta en Vista Alegre.

Para o partido de mañá, Santi Valladares contará cos 12 convocados habituais das últimas xornadas: David, Barroso, Palomeque, Eloy Rojas, Juanjo (p), Pablo Tallón, Hugo, Raúl (p), Chus, David Pazos, Hamza e Diego Quintela.

Sala de prensa

Santi Valladares, técnico do Santiago Futsal, afirmou esta mañá en rolda de prensa que “nos queda un partido, unha final por un título nin máis nin menos, e despois acabarase a tempada. Agora mesmo só pensamos en como gañarlle a Burela, que supoño que virán moi motivados despois de clasificarse para o play-off para gañala tamén”.

O técnico santiagués afirmou que “afrontamos este partido como o que é, unha final. Evidentemente que quedamos tocados o venres, pero o luns xa empezamos a preparar este partido. Posiblemente si non tivésemos esta final aínda estariamos a lle dar voltas á cabeza, pero como a temos, sería estúpido pensar en algo que xa non ten solución.

Ademais, engadiu que “sabemos que temos unha final que temos que gañar e temos que darnos unha alegría porque nola merecemos, nós e a afección. É a oportunidade para terminar a tempada cun sabor doce e non continuar co sabor amargo que nos deixou o non estar no play-off”.

Por último, Santi Valladares espera “un partido moi igualado, como todos os que disputamos contra Burela. Somos dous equipos que nos coñecemos perfectamente, polo que será un partido aberto e bonito para a afección”.

 

30 de abril de 2014 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.