O Santiago Futsal presenta “A Cidade do Futsal”

Presentación da Cidade do Futsal
Esta mañá presentouse “A Cidade do Futsal” un evento que se celebrará os días 10 e 11 de Maio na Cidade da Cultura dirixido a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos que queiran gozar do fútbol sala cos seus amigos. Nun marco incomparable, colocaranse 4 pistas, réplica de as que se usan nos partidos televisados pola LNFS, para realizar unha competición con premios e grandes sorpresas para participantes.
Máis de 3000m2 de diversión asegurada que contan ademais cunha ampla zona de entretemento para acompañantes e todos os curiosos que acudan ese fin de semana á Cidade da Cultura. Para todos aqueles que queiran inscribirse no torneo, deberán descargarse a “Folla de inscrición” da páxina web do club e cubrila cos datos dos 5 xogadores e adestrador e enviala a comunicacion@santiagofutsal.com con data límite o 5 de Maio.
Todas as actividades desta Cidade do Futsal serán gratuítas e contarán ademais con visitas guiadas á Cidade da Cultura, colaborador desta gran iniciativa e que pon a disposición dos usuarios as súas instalacións. Na propia Cidade da Cultura tivo lugar a presentación, na que interviñeron Dna. Beatriz González, Directora Xerente da Cidade da Cultura, D. Ramón García, presidente do Santiago Futsal, D. Francisco García, Director Xerente de Dynamic Event Sport, empresa organizadora do evento e D. Miguel Fernández, Director Xeral do Santiago Futsal.
Miguel Fernández foi o encargado de presentar este evento, afirmando que se elixiu Santiago para inaugurar esta MiniFutsal Cup que espera facer unha xira por diferentes cidades de España. Esperamos contar con máis 3000 persoas ese fin de semana na Cidade da Cultura, entre os nenos que veñan competir e os acompañantes e curiosos. Haberá sorteos, agasallos, visitas dos xogadores do primeiro equipo e unha chea de sorpresas”.
Francisco García, da empresa Dynamic Event Sport, explicou que “está dirixido a todos os nenos e nenas, que compartan a súa afección polo fútbol sala e fútbol, non teñen que formar parte de ningún club, simplemente teñen que xuntarse 5 amigos cun monitor e inscribirse. A nosa obrigación é facer o posible para formar estrelas da súa propia vida cotiá e esta é unha gran oportunidade”.
Ramón García, presidente do Santiago Futsal, agradeceu “a colaboración da Cidade da Cultura e de Dynamic Event Sport, para promocionar o fútbol sala no deporte de base, algo que forma parte da filosofía do noso club, esperando que todos os asistentes gocen do fin de semana”.
Terminou o acto Beatriz González, Directora Xerente da Cidade da Cultura, afirmando que “a Cidade da Cultura quere ser tamén a cidade da cultura que promove o deporte, da cultura da superación e do compañeirismo e de tantos valores crave na formación dos máis pequenos. O Gaiás quere reforzar o seu compromiso coa cidade de Santiago e cun dos seus símbolos, o Santiago Futsal”.











