O Santiago Futsal na procura de pechar a liga coa clasificación para o play-off

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Mañá decídense as tres últimas prazas para clasificarse para o play-off polo título. En xornada unificada serán 4 os equipos que loiten para acompañar a Inter Movistar, Elpozo Murcia, FC Barcelona Alusport, Marfil Santa Coloma e Magna Navarra nesta loita polo título.

O Santiago Futsal é un dese catro equipos, que mañá recibe a Elpozo Murcia no Multiusos Fontes do Sar a partir das 21h. Os santiagueses, actualmente oitavos con 37 puntos, dependen de si mesmos para terminar a liga regular entre os oito primeiros, pero en fronte terán aos murcianos, que chegan a esta última xornada coa obrigación de gañar para lograr arrebatarlle a segunda praza a FC Barcelona Alusport.

Pero non é a única opción do Santiago Futsal para estar no play-off, mesmo cunha derrota os santiagueses poderían terminar entre os oito primeiros, sempre en función do que faga Burela FS, que está empatado a puntos e que si tamén perden, darían a clasificación ao Santiago Futsal (a condición de que manteñan a diferenza de goles que existe actualmente entre eles: -1 para o Santiago Futsal e -4 para o Burela).

Un empate tamén lles valería, a condición de que Burela perda ou empate, ou Montesinos Jumilla perda no seu enfrontamento ante Ríos Renovables. En definitiva, catro equipos que dependen todos de si mesmos para estar no play-off e que buscarán non depender doutros para terminar a liga entre os oito primeiros. 

O partido deste venres ante Elpozo Murcia, terá por tanto unha tinguidura especial para o Santiago Futsal, e é que se xogan todo para estar por novena tempada no play-off  polo título. Desde o club pídese o apoio da afección para ser ese sexto xogador que os santiagueses necesitan para gañar a un Elpozo Murcia ao que nunca venceron en Liga no Multiusos.

Para este partido, Santi Valladares contará cos 12 convocados das últimas xornadas, coas baixas xa coñecidas de Lucho, Santi e Mario Costa. Os 12 convocados son: David, Barroso, Palomeque, Eloy Vermellas, Juanjo (p), Pablo Tallón, Hugo, Raúl (P), Chus, David Pazos, Hamza e Diego Quintela. Os árbitros do partido serán Contreras Tejedor e Pérez Álvarez do colexio castelán-leonés. 

Sala de prensa

O técnico do Santiago Futsal falou esta mañá en rolda de prensa, afirmando que “este é o final das finais, ou te clasificas ou non te clasificas, xa non hai máis. Opcións témolas, xogamos en casa e si gañamos estamos en play-off. É como unha final, si gañas lévaste o premio e si perdes, vaste para casa, aínda que neste caso hai algunha posibilidade, é a pequena vantaxe que temos, pero sinceramente non a valoramos. Prefiro confiar en gañar, en facer o que temos que facer.”

O técnico confesou que “nos tocou un dos peores rivais que nos podía tocar para xogarnos o play-off. Espero a Elpozo de sempre, cun ataque con moitas variantes. A nivel ofensivo é o mellor equipo que hai, con xogadores de moitísima calidade a nivel individual. É Elpozo, non imos descubrir nada”.

A clave do partido para Santi Valladares é “defender. Defender como o fixemos o outro día en Burela e ter a implicación e a actitude que tivemos en Burela e despois aproveitar as que teñamos, que aí estamos un pouco frouxos esta tempada”.

O técnico do conxunto santiagués engadiu que, en caso de non clasificarse “non sería un fracaso. Si unha decepción, porque cando te marcas uns obxectivos e non os cumpres, si que te sentes decepcionado, pero nunca fracasado. Con todas as adversidades que tivemos a todos os niveis, nunca é un fracaso. Pensar que estivemos toda a tempada aí en postos de play-off e quedarte a última xornada fóra é decepcionante, pero non pasa diso”.

Por último, Santi Valladares valora moi positivamente o apoio da afección mañá nas bancadas do Multiusos, sinalando que “para nós é fundamental. O outro día en Burela parecía que estabamos a xogar en casa e iso é moi importante para nós e para calquera equipo, e neste partido vai ser clave. Todos os que veñan terán que animar ao equipo nas recuperacións, nas ocasións de gol, nos fallos,… porque nos van a dar ese alento que nos falte para poder sacar o partido. Temos que ser seis xogando”.

Outra información de interese

As entradas para o partido estarán á venda nas oficinas do club ata o venres ás 14h e a partir das 19,30h en despacho de billetes a un prezo de 15€ para adultos e 1€ para menores de 13 anos. Ademais, todos os abonados poden retirar ata dúas entradas a 10€ cada unha para o partido (só en venda anticipada ata venres ás 14h).

Os máis pequenos poderán gozar cos inchables do Multixogo e a zona de entretemento Planeta Magic situadas no hall de entrada do Multiusos desde o horario de apertura de portas ás 20h.

Durante o descanso realizaranse os tradicionais sorteos de Star Center e Hotel Oca Porta do Camiño.

Ao partido asistirán numerosos clubs de fútbol sala de Galicia, entre os que se atopan convidados os equipos participantes en I Torneo de Base de Calo, o Ponte Ourense FSF, Vigo 2015, Campito Fútbol sala, Baíña Fútbol sala, Coruxo FS ou Dubra FS, entre outros.

24 de abril de 2014 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.