O Santiago Futsal golea á Selección de Vietnam
O Santiago Futsal venceu 7-3 á selección de Vietnam dirixida polo galego Bruno García, no amigable disputado esta tarde nunha xornada de portas abertas no Multiusos. Nunha primeira parte igualada, os vietnamitas lograron porse por diante cara ao ecuador da primeira metade, tras un gol en propia porta de Hamza que encaixou o balón na súa portaría tras un rexeite despois de que o balón golpease no poste. Ambos os equipos mostraron un gran espectáculo ao público asistente, que ademais puido gozar coa participación de 5 xogadores do filial. Ademais do habitual Pablo Tallón, tamén xogaron Dani, Xullo e Gabi, que xa debutaran coa selección de Xapón e Simón, que se sumou aos debutantes co primeiro equipo.
O festival de goles viviuse na segunda parte, e é que tan só 16 segundos despois da continuación Eloy Vermellas puxo o empate. En apenas un minuto foi David Pazos quen lle deu a volta ao marcador e Quintela fixo o propio ao minuto tras un roubo en primeira liña marcando sobre a portaría vietnamita. Tras os goles iniciais chegou a calma, pero cara ao ecuador da segunda metade Vietnam marcou en propia porta facendo o 4-1, aínda que os de Bruno García lograron recortar distancias segundos despois. Até o final continuaron os goles con tantos de Palomeque, Quintela e o debutante Simón, que levantou á bancada tras marcar no seu primeiro partido co primeiro equipo. Aínda houbo tempo para un gol máis dos vietnamitas que marcaron de dobre penalti, aínda que puideron volver marcar tras parar Juanjo outro disparo desde os 10 metros.
Ficha do partido
Santiago Futsal: Raúl, David, Barroso, Hugo e Diego Quintela (cinco inicial), Palomeque, Hamza, Eloy Vermellas, Pablo Tallón, Chus, David Pazos, Juanjo, Simón, Xullo, Gabi e Dani.
Selección de Vietnam: Dane, Pham, Phung, Tran e Vu Xuan (cinco inicial) Nguyen, Ton, Ey Khanh, Tran, Phan Due, Ngo
Goles: 0-1 Hamza pp (min 13), 1-1 Eloy Vermellas (min 21), 2-1 David Pazos (min 21), 3-1 Diego Quintela (min 23), 4-1 Phan pp (min 30), 4-2 Tran (min 30), 5-2 Palomeque (min 32), 6-2 Diego Quintela (min 35), 7-2 Simón (min 37), 7-3 Ey Khanh (min 38)
Árbitros: Rei Hermida e Varela Señarís.
Incidencias: Partido amigable disputado no Multiusos Fontes do Sar ante máis de 200 afeccionados.











