O Santiago Futsal complícase o play-off tras perder ante Peñíscola

Encontro do Santiago Futsal co Peñíscola. Foto: J.M. Picón
O Santiago Futsal perdeu esta tarde por 1-5 ante Peñíscola Adegas Dunviro nun mal partido dos santiagueses aos que lles custou arrincar e que cando o fixeron recibiron un duro golpe de Peñíscola. Con esta derrota, os santiagueses quedarán pendentes do resto de resultados da xornada, pero a falta de dúas xornadas, ven perigar a súa presenza no play-off polo título.
A primeira parte comezou sen un dominador claro e dous equipos pechados en defensa, sen xerar ocasións claras sobre as portarías rivais. Cos minutos foi Peñíscola quen máis se achegou sobre a portaría defendida por Raúl, que tivo un par de boas intervencións. Con todo, continuaban sendo os de Peñíscola os que máis o tentaron e aos 14 minutos, Gonzalo puxo por diante ao seu equipo. Tardou en reaccionar o Santiago Futsal e dous minutos despois Juanqui volveu marcar para Peñíscola, tras un gol de Juanqui. O segundo gol serviu aos santiagueses para porse as pilas e cambiar o chip, comezando a xerar ocasións sobre a portaría rival. Diego Quintela recortou distancias a dúas do descanso e puido empatar tras dúas claras ocasións antes de entrar a vestiarios.
A segunda parte supuxo un cambio radical dun Santiago Futsal que saíu enchufado de face á portaría de Iván. Hugo e Diego Quintela puideron empatar o partido nos primeiros minutos, pero Peñíscola fíxose moi perigoso á contra, marcando o terceiro tras un gol de Gonzalo, mentres David Pazos quedaba tendido no chan tras recibir un forte golpe na espalada. O Santiago Futsal continúo tentándoo e foi o propio David Pazos quen tivo a ocasión máis clara tras estrelar o balón no poste cara ao ecuador da segunda parte. A acumulación de faltas de Peñíscola fixo que o Santiago Futsal tivese a ocasión de marcar tras un dobre penalti lanzado por Palomeque que detivo o porteiro. Barroso vestiuse de porteiro-xogador a 6 minutos do final sen apenas xerar perigo. O risco tivo o seu castigo e Míchel marcou a portaría baleira tras roubar mentres o Santiago Futsal atacaba de 5. Non sería o definitivo, porque o propio Míchel faría o quinto tras disparar desde o seu campo e encaixar Palomeque ao tratar de despexar o balón.
Sala de prensa
Ao finalizar o partido, Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, afirmou que ”eles foron mellores. Os dous primeiros goles foron dous agasallos que non nos podemos permitir. Empezamos a segunda parte con 1-2 e con outras revolucións, pero o terceiro matounos, foi determinante. E a partir de aí foi un querer e non poder, non puidemos darlle a velocidade que quixemos, pero creo que o resultado foi máis avultado do que merecemos, pero cando arriscas pódeche pasar”. Con respecto a como ve a clasificación para o play-off, Santi veo “mal, xa o vía mal e agora peor, pero quédannos dous partidos e mentres haxa puntos por disputar, imos loitalos”.
Pola súa banda, Carlos Sánchez adestrador de Peñíscola Adegas Dunviro sinalou que nos imos moi contentos dunha pista difícil como esta. Foi un partido igualado, intenso, no que os dous tentamos buscar o gol. Viñamos coa lección apresa de como traballa o Santiago, pero soubemos aguantar, tentar ter o balón, que eles non puidesen xogar cómodos, e ao final conseguímolo”.
Ficha do partido
Santiago Futsal: Raúl, David, Palomeque, David Pazos e Diego Quintela (cinco inicial), Barroso, Hugo, Hamza, Eloy Vermellas, Chus e Pablo Tallón
Peñíscola Adegas Dunviro: Iván, Charly Maza, Míchel, Carlos Anós e Asensio (cinco inicial), Juanqui, Contreras, Gonzalo, Diego Branco, Solano e Álvaro.
Goles: 0-1 Gonzalo (min 14), 0-2 Juanqui (min 16), 1-2 Diego Quintela (min 18), 1-3 Gonzalo (min 26), 1-4 Míchel (min 37), 1-5 Míchel (min 38)
Árbitros: Galo Suárez e Velasco Martínez do colexio asturiano
Amoestacións: Cartón amarelo para Eloy Vermellas, David, Quintela e David Pazos do Santiago Futsal e para Carlos Anós e Charly Maza do Peñíscola.
Incidencias: Partido correspondente á vixésimo oitava xornada de Liga disputado no Multiusos Fontes do Sar ante máis de 1000 afeccionados.











