O Santiago Futsal cae á sétima praza tras perder ante Marfil Santa Coloma
O Santiago Futsal continúa coa súa mala serie a domicilio e perde ante Marfil Santa Coloma por 3-1 a pesar de haberse posto por diante na primeira parte. Con esta derrota, os santiagueses caen á sétima praza, empatado a puntos con Burela FS que é oitavo, e a un punto de Montesinos Jumilla que é noveno.
O partido comezou sen un dominador claro, con dous equipos ben asentados en defensa tratando de buscar a portaría contraria en xogadas illadas. Cos minutos, o Santiago Futsal foi comezando a xerar máis perigo sobre a portaría de Dídac, que salvou ao seu equipo tras claras ocasións dos santiagueses, a máis clara tras un disparo de David que o porteiro de Marfil despexou coa man a córner. Seguiu tentándoo o Santiago, sobre todo en xogadas á contra, pero ás 12 minutos de xogo, cargouse de faltas, o que fixo que o partido cambiase de dominador cun Marfil envorcado sobre a portaría defendida por Raúl, que se converteu no salvador do seu equipo. Cando máis apertaban os locais, chegou o gol dos santiagueses tras unha xogada á contra que transformou Hugo no último minuto antes do descanso.
No primeiro minuto tras o tempo de descanso, chegou o gol do empate para Marfil tras unha gran xogada individual de Adolfo que percorreu toda a pista para bater a Raúl. Tras o empate, os locais foron dominadores do partido, tendo o Santiago Futsal que empregarse en defensa. Medina deu a volta ao marcador no minuto 28 tras unha xogada de estratexia de córner e no mesmo minuto, puxo o 3-1 no marcador para Marfil. Puido aumentar a súa renda Marfil nos seguintes minutos, pero a boa actuación de Raúl impediuno. Hugo e David Pazos a punto estiveron de recortar distancias para os santiagueses e a 5 minutos do final, Barroso vestiuse de porteiro-xogador para tratar de marcar, sen fortuna para os santiagueses. Ademais, a 2 minutos do final, Palomeque desperdiciou un dobre penalti que parou Dídac.
Sala de prensa
Ao finalizar o partido, Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, afirmou que ”hoxe non estivemos ben. Aínda que logramos pornos por diante na primeira parte, Raúl tivo intervencións de moito mérito. Na segunda encaixamos o primeiro moi pronto e logo o segundo de estratexia e iso xa acabou co partido. Eles foron mellores, sobre todo fisicamente, e aínda que tivemos opcións de meternos no partido co 10 metros e con dúas ocasións de Hamza con porteiro-xogador, o equipo non estivo coa alegría que nos caracteriza”.
Ficha do partido
Marfil Santa Coloma: Didac, Rubén, Sepe, A.Segura e Adolfo (cinco inicial), Rafa López, Eric Martel, Lluc, Jordi Sánchez, Medina
Santiago Futsal: Raúl, David, Palomeque, David Pazos, Diego Quintela (cinco inicial), Hamza, Hugo, Eloy Vermellas, Pablo Tallón
Goles: 0-1 Hugo (min 19), 1-1 Adolfo (min 21), 2-1 Medina (min 28), 3-1 Medina (min 28)
Árbitros: Fortes Pardo e Martínez Flores do colexio murciano
Amoestacións: Cartón amarelo para Hamza do Santiago Futsal
Incidencias: Partido correspondente á vixésimo sétima xornada de Liga disputado no Municipal Jacint Verdaguer











