O Santiago Futsal busca unha vitoria fundamental para o play-off
O Santiago Futsal disputa mañá a vixésimo sétima xornada de liga ante Marfil Santa Coloma no Municipal Jacint Verdaguer ás 18,30h. Os de Santi Valladares viaxarán o mesmo día do partido para tratar de romper a súa mala serie a domicilio, onde só sumaron unha vitoria no que vai de tempada e a tan só 4 xornadas de terminar a liga regular.
Para iso, deberán enfrontarse ao cuarto clasificado, un Marfil Santa Coloma que a pesar de perder ao seu máximo artilleiro e pichichi da liga Dani Salgado por lesión, continúa demostrando o seu potencial, con 43 puntos, 7 máis que o conxunto santiagués.
No partido da primeira volta, o Santiago Futsal impúxose 4-1 ao Marfil Santa Coloma, tras unha gran segunda parte dos de Santi Valladares. En Santa Coloma, o Santiago Futsal terá que romper un fortín onde esta tempada só lograron o tres puntos o Inter Movistar e o FC Barcelona Alusport, unha vitoria que sería un paso importante para os santiagueses de face á clasificación para o play-off polo título e que podería permitirlles mesmo alcanzar a quinta praza no caso de que Magna Navarra, que actualmente está a un punto do Santiago Futsal, perdese no seu partido ante o FC Barcelona Alusport.
Para este partido, Santi Valladares mantén as baixas de Loito, Santi e Mario Costa. A convocatoria do Santiago Futsal está composta por: David, Barroso, Palomeque, Eloy Vermellas, Juanjo (p), Pablo Tallón, Hugo, Raúl (p), Chus, David Pazos, Hamza e Diego Quintela. Os árbitros do partido serán Fortes Pardo e Martínez Flores do colexio murciano.
Sala de prensa
Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, afirmou en rolda de prensa que “de aquí a final de tempada quédannos partidos vitais, pero si que é certo que o de mañá ante Marfil é fundamental, porque como sucedeu contra Navarra, é outro rival moi importante, e unha vitoria contra eles é moi importante. Marfil é cuarto, xogamos na súa casa e unha vitoria daríanos mesmo a posibilidade de ser quintos en función do resto de resultados da xornada e xa case depender de nós”.
Ademais, o técnico santiagués é consciente de que “a cancha de Marfil é moi complicada, pero gañando alí, non aseguramos o play-off, pero é un paso moi importante. A eles quédalles un punto para estar matematicamente en play-off, pero seguro loitarán por ser cuartos. Nós traballaremos para ser quintos e buscar ese play-off previsiblemente contra eles. Quedan tres partidos máis, dous deles en casa e un derbi contra Burela fóra, queda moito, pero este partido é moi importante”.
Con respecto á baixa de Dani Salgado, Santi Valladares considera que “Marfil ten grandes xogadores que estaban á sombra de Dani e coa súa baixa pegaron un estirón terrible. É certo que lles falta ese goleador que todo o que caía por aí o enchufaba, pero gañaron moito no aspecto defensivo”.











