O Santiago Futsal alcanza unha nova final de Copa Xunta

O Santiago Futsal logrou o seu pase á final da Copa Xunta tras vencer por 3-1 ao Cidade de Narón nun partido no que os locais puxeron en serios apuros ao conxunto de Santi Valladares. Os santiagueses conseguen así unha nova final de Copa Xunta, na que os espera o Burela Pescados Rubén que venceu a Azkar Lugo, vixente campión, na outra semifinal.

O Santiago Futsal comezou o partido atacando, pero o Cidade de Narón foi collendo confianza, chegando á contra sobre a portaría defendida por Raúl. Diego Quintela foi o encargado de inaugurar o marcador tras unha xogada de estratexia de esquina, pero a reacción dos locais foi rápida e tras varias ocasións de perigo, Álex puxo o empate. Continuou xerando perigo o Cidade de Narón, tendo unha gran actuación Raúl, que salvou ao seu equipo de encaixar  máis goles. O partido cambiou tras a expulsión por vermella directa de Jaco, que estaba a ser dos mellores do seu equipo, e o Santiago Futsal fíxose co control do partido. Eloy Vermellas puxo adiantou de novo ao conxunto santiagués tras unha boa xogada e ao fío do descanso o Santiago Futsal puxo o 1-3 tras un saque de banda de David Pazos que rebotó nun rival e coouse na portaría local.

Tras o descanso, o Cidade de Narón buscou recortar distancias, pero a defensa santiaguesa e Raúl empregáronse a fondo, tendo as ocasións de máis perigo o Santiago Futsal, que puido aumentar a súa conta tras un forte disparo de Eloy Vermellas que se estrelou no traveseiro, ou tras unha dobre ocasión protagonizada por Quintela, que Arrivi desviou ao poste e posteriormente de Pablo Tallón, que acabou nas mans do cérbero do Narón. O Cidade de Narón continuou tentándoo e coa posesión do balón, tendo a súa ocasión máis clara nos pés de Ivancito, que tivo que deter Palomeque baixo paus. O Santiago Futsal seguía facendo perigo á contra, e a 8 minutos do final cargouse de faltas. A 4 minutos do final Juve vestiuse de porteiro-xogador e un minuto despois Buján recortou distancias para os locais. Os dous últimos minutos foron de auténtico sufrimento, pero o marcador xa non se moveu.

Ficha do partido

Cidade de Narón: Nico, Jaco, Buján, Ivancito e Josito (cinco inicial), Juve, Brais, Álex, Christian, Rober, Lito e Arrivi

Santiago Futsal: Raúl, David, Pablo Tallón, David Pazos e Diego Quintela (cinco inicial), Palomeque, Hugo, Hamza, Eloy Vermellas e Chus

Goles: 0-1 Diego Quintela (min 6), 1-1 Álex (min 8), 1-2 Eloy Vermellas (min 16), 1-3 David Pazos (min 19), 2-3 Buján (min 37)

Amoestacións: Cartón amarelo para Pablo Tallón do Santiago Futsal e Rober do Cidade de Narón. Cartón vermello directa para Jaco do Cidade de Narón.

Incidencias: Partido correspondente ás semifinais de Copa Xunta disputado no Pavillón Municipal da Gándara

1 de abril de 2014 | 09:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.