O Salón do Libro de Pontevedra festexa o Día Internacional do Libro Infantil cun coloquio con Fina Casalderrey e Xabier P. Docampo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Salón do Libro conmemorará mañá, 2 de abril as 19:00 horas o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil en colaboración coa GÁLIX, organizando unha mesa redonda na que se sentarán Fina Casalderrey e Xabier P. Docampo. Ambos escritores, homenaxeados no Salón en edicións anteriores e este ano na homenaxe colectiva, estarán moderados por Francisco Castro, escritor e Presidente da GÁLIX.

Un coloquio informal no que poderán participar nenos/as e pais, comentando e plantexando cuestións sobre a literatura infantil e xuvenil en xeral e sobre as súas obras.

Xabier P. Docampo foi homenaxeado no 2008 no Salón titulado “O Mar”. Cunha ampla traxectoria na literatura infantil e xuvenil foi galardoado en 1995 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por “Cando petan na porta pola noite”, seleccionada como unha das 100 mellores obras do século XX pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez

A pontevedresa Fina Casalderrey foi homenaxeada no 2009 no Salón do Libro “O Amor”.  Con máis de 20 títulos de obra literaria e gastronómica, a súa especialidade, a literatura infantil e xuvenil fixo atesorar numerosos premios coma o Premio Merlín de Literatura Infantil 1991 por “Dúas bágoas por Máquina”, Premio Edebé de Literatura Infantil 1995 por “O estanque dos parrulos pobres”, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 1996 e O Barco de Vapor 1994 por “O misterio dos fillos de Lúa”  e o Premio Ciudad de Pontevedra 1996 pola totalidade da súa obra.

1 de abril de 2014 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.