O rexedor vilagarcián e e o delegado do Colexio de Avogados comparten a súa preocupación pola nova organización xudicial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde, Tomás Fole, e o delegado do colexio de avogados en Vilagarcía, Máximo Patiño, mantiveron hoxe unha reunión para abordar o proxecto de lei que promove unha nova organización xudicial e a súa posible incidencia en Vilagarcía. O encontro enmárcase na serie de entrevistas que o rexedor vén mantendo nos últimos días –hoxe mesmo falou co director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia- sobre este asunto, arredor do cal pretende conseguir unha posición única de todos os portavoces municipais, que pasa pola defensa do actual estatus xudicial do concello, como capital de comarca que é –e así se recoñece nas directrices de ordenación do territorio de Galicia-, terceiro concello da provincia e oitava cidade de Galicia.

Tanto Tomás Fole coma Máximo Patiño compartiron a súa preocupación polo que pode significar este proxecto de lei non só dende o punto de vista dos cidadáns como usuarios dos servizos xudiciais senón tamén dos profesionais do dereito que exercen na cidade. Con todo, ambos coincidiron tamén en que o proxecto está nun estadio moi preliminar no que será necesario que todos os implicados aporten a súas suxestións para lograr a mellor ordenación da xustiza. De aí a proposta de moción conxunta aos portavoces dos distintos grupos políticos con representación no Concello.

24 de abril de 2014 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.