O rexedor monfortino proporá a creación dunha Comisión para o deslinde do polígono
O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, levará á sesión plenaria do vindeiro luns a proposta de creación dunha Comisión para o deslinde dos terreos do polígono industrial do Reboredo.
Esta Comisión estaría integrada por un representante de cada grupo político, os técnicos e funcionarios pertinentes, e dous veciños/as da zona coñecedores/as dos deslindes. A súa finalidade sería levantar acta propia do deslinde, tal e como fixo o Concello de Sober.
O pleno deberá aprobar a urxencia desta proposta para que logo poda ser debatida polos membros da Corporación.
A proposta do alcalde prodúcese despois de que o rexedor soberino rexeitase a solicitude de aprazamento do deslinde efectuada polo concello de Monforte. Esta petición baseábase na recente incorporación do novo secretario municipal de Monforte (o pasado luns día 21) e a falta de tempo para que este funcionario tivese o preceptivo coñecemento sobre esta cuestión, máis aínda cando o martes era festivo en Monforte e a citación de Sober era para o mércores día 23.
Severino Rodríguez cualifica de pouco conciliadora a actitude do alcalde soberino ó non aceptar o aprazamento solicitado polo concello de Monforte, e anuncia que solicitará copia da acta do deslinde efectuado polo Concello de Sober.











