O rexedor de Ponte Caldelas e membros da corporación asisten á Festa da Cacheira de Forzáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Festa da Cacheira

Festa da Cacheira

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e o portavoz municipal do BNG, Lito Muíños, asistiron á Festa da Cacheira organizada pola Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns no Centro Sociocultural desta parroquia pontecaldelana.

Este ano celebrouse a súa oitava edición e contou coa presenza dun gran número de veciños que aproveitan esta celebración para manter un encontro familiar e degustar produtos galegos de calidade relacionados coa gastronomía tradicional galega desta época do ano.

Ademais de cacheira, o cocido servido e preparado polos socios da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns estivo acompañado de carne de vaca de primeira calidade, costela de porco, xamón, touciño, chourizos de carne e cebolleros, patacas, verdura e repolo.

O “xantar” estivo acompañado de viños de casa, na súa variedade tinto e branco, que contribuíron a unha maridaxe extraordinaria digno de admiración dos comensais presentes que abarrotaron por completo, un ano máis, o aforamento do novo Centro Sociocultural de Forzáns.

Despois da sobremesa e o café, os asistentes entoaron diversas cancións populares liderados polo grupo de “Cantareiras” do que dispón esta Asociación Cultural, moi solicitado en eventos folclóricos e “Seráns” que se desenvolven en toda a zona sueste da provincia de Pontevedra e tamén en municipios limítrofes de Ourense.

Os veciños aproveitaron a presenza do alcalde, Perfecto Rodríguez, e do portavoz municipal do BNG, Lito Muíños, para solicitar á Corporación a realización de varias melloras na parroquia, sobre todo relacionadas coa reparación de danos no Torreiro das Festas de Forzáns (campo de festas) causados polas intensas choivas deste inverno e o acondicionamento con xabre (zahorra) no lugar da Feira dunha zona como pista de futbito para os rapaces da parroquia.

Perfecto Rodríguez dirixiuse aos presentes e felicitou á Cultural pola súa actividade asociativa e dinamizadora da parroquia de Forzáns e comprometeuse a estudar as propostas recibidas co fin de, en caso de ser asumidas polo Concello, poder afrontalas no máis curto prazo de tempo posible.

1 de abril de 2014 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.