O reloxo do obelisco da praza do Concello da Laracha foi desmontado para a súa reparación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Os traballos de reparación do reloxo do obelisco da Praza do Concello comezaron a realizarse esta mañá co desmontado e retirada provisional das catro esferas que coroan as columnas do piar.

Nos próximos días a empresa especializada na realización deste tipo de actuacións -que foi contratada polo Concello da Laracha- acometerá a completa restauración das catro esferas cun material de maior resistencia e impermeabilidade. Deste xeito protexerase ao reloxo de condicións climatolóxicas adversas como a choiva e o vento.

Precisamente o deterioro produciuse pola entrada de auga ao interior de tres das catro esferas, que incharon debido á humidade, impedindo a circulación das agullas. As comprobacións técnicas realizadas nos patróns do reloxo determinaron que non existen avarías na súa maquinaria.

Á hora da restauración das esferas respectaranse o seu aspecto orixinal, incluso empregando as mesmas agullas, sempre no caso de que os estudos que se realicen determinen que o seu estado de conservación é óptimo. Por tanto, o aspecto visual do reloxo da Praza do Concello non variará, mantendo o obelisco a súa identidade.

 

 

 

10 de abril de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.