O reconto dos máis de 1200 votos recibidos outorgan ao traballo do CEIP Carballal de Marín o Premio do Público do XV Salón do Libro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínPontevedra
A-
A+

O traballo do CEIP Carballal de Marín gaña  Premio do Público, instaurado nesta 15 edición “Cociñando Contos”. Co afán de escoller o traballo máis popular de entre todos os realizados polos nenos/as e darlle voz ás opinións das preto de 30.000 persoas que visitaron o Salón ao longo de 3 semanas, naceu esta iniciativa que outorgará, ademais do recoñecemento público, un lugar destacado para o traballo do centro na vindeira edición.

36 foron os centro escolares de infantil, primaria e secundaria os que se implicaron nesta edición. Pontevedra, Marín, Cambados, Vigo, Poio, Ponte Caldelas, etc, estiveron representados por diferentes traballos realizados por colaboradores habituais ou en calidade de convidados.

Logo de contabilizar unha totalidade de 1280 votos, depositados nunha furna pechada, o CEIP Carballal se fixo co Premio do Público. O seu traballo, feito con cartón, plastilina, etc, representaba unha cociniña á que non lle faltaba detalle.

O segundo posto foi para o CEIP A Xunqueira 1 cunha alacena de cartón pedra moi realista, pintada de turquesa e con certo aire “vintage” na que se atopaban tarros con ingredientes para cociñar contos e un inmenso bocadillo de historias.

O terceiro posto foise para Ponte Caldelas, ao Manuel Cordo Boullosa cunha preciosa cociña de ferro na que se cociñaban historias nunha enorme perola onde fervían as letras.

Todos os centros recibiron votos por parte do público visitante, co que se pon en valor o traballo dos diferentes centros de ensino, aos que, novamente a organización do Salón do Libro agradece a implicación e o esforzo realizado por alumnos/as e profesores/as durante meses. Do mesmo xeito, agradecemos a todos/as aqueles que depositaron o seu voto para decidir o Premio do Público do Salón do Libro 2014.

11 de abril de 2014 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.