O Rácing do Forgoselo acada a súa cuarta victoria no Tetramaratón de San Sadurniño
O V Tetramaratón organizado polo Concello en colaboración co Aldebarán e o CF San Sadurniño rematou pasadas as catro da tarde deste xoves tras unha final disputada a tres deportes entre dous equipos da casa, o Sansa Futsal e o Rácing do Forgoselo. Este último foi o vencedor, o que lle supón aos seus compoñentes o cuarto título dos cinco que se levan disputado desta competición.
Na edición de 2014 do Tetramaratón de San Sadurniño inscribíronse 13 equipos dos que case a metade eran mixtos. De feito, este ano a competición destacou pola participación de dez mozas entre as filas das distintas formacións. Nas pistas do pavillón municipal e do patio do colexio reuníronse 75 deportistas para xogaren a catro disciplinas distintas -volei, baloncesto, fútbol sala e hóckei- nun todos contra todos que durou desde pola mañá ata media tarde.
Os partidos disputáronse a reloxo corrido cunha única parte de 10 minutos agás no volei, en que se xogaron dous sets a 7 puntos. As eliminatorias deixaron para o final dous equipos locais, o Rácing do Forgoselo e o Sansa Futsal. Ambos grupos enfróntáronse a baloncesto, volei e fútbol sala. A victoria nos dous primeiros do Forgoselo e o empate no terceiro encontro decidiron o tetramaratón sen que fixese falla xogar o partido de hóckei. Para o Forgoselo é o cuarto título dos cinco que se levan organizado -en 2013 non se inscribiu- e para o Sansa Futsal repetiuse a historia do ano pasado, cando tamén quedaron subcampións.
O Rácing do Forgoselo recibiu un cheque de 50 euros por xogador para mercar material deportivo, mentres que os subcampións conseguiron cadanseu talón por valor de 25 euros, tamén canxeable por material en Deportes Sanesteban.
No Facebook do Concello de San Sadurniño hai disipoñible unha galería fotográfica dalgúns dos encontros disputados.











