O público abarrota a biblioteca de Ponte Caldelas no festival poético-musical do Día do Libro

Festival poético-musical en Ponte Caldelas
O salón principal de lectura da Biblioteca Municipal de Ponte Caldelas quedou pequeno para albergar ao numeroso público que presenciou o festival poético-musical celebrado para conmemorar o Día Internacional do Libro.
Varios lectores da Biblioteca Municipal recitaron poemas e fragmentos de obras de autores de recoñecido prestixio que foron intercalados pola actuación musical dun trío de veteranos lectores que interpretaron coñecidas composicións populares. Tamén interviñeron unha ducia de nenas que leron e cantaron diversas cancións ante o aplauso xeneralizado do público presente.
A conmemoración do Día Internacional do Libro está a converterse en Ponte Caldelas nunha cita obrigada co mundo da creatividade e a cultura a través dos actos organizados polo Concello a través da Biblioteca Municipal e que fomentan tanto a participación cidadá como a estimulación pola lectura dos máis novos.
O 23 de abril, data en que faleceron autores da talla de Miguel de Cervantes Saavedra, William Shakespeare ou Garcilaso de la Vega, foi declarada pola Conferencia Xeral da UNESCO, celebrada en París en 1995, como Día Internacional do Libro co fin de honrar a memoria daqueles literatos e homenaxear a libros e autores.
O Concello de Ponte Caldelas, aproveita esta data para realizar unha serie de actividades desde a Biblioteca Municipal orientadas a dar a coñecer os distintos servizos que ofrece este centro cultural á vez que se fomenta a participación creativa e literaria dos seus usuarios.
Ademais, desde o Concello de Ponte Caldelas, foméntase a afección á lectura animando aos numerosos nenos e mozos que se achegan até a Biblioteca Municipal a incentivar o seu interese pola aprendizaxe, o descubrimento, a curiosidade e a imaxinación creativa a través do apaixonante mundo da literatura.











