O PSOE de Ordes recollerá sinaturas na defensa do partido xudicial de Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

O PSOE de Ordes organizará unha recollida de sinaturas na defensa do partido xudicial ordense durante a celebración de Expoordes 2014, que terá lugar do 25 ao 27 de abril. Os socialistas disporán dun espazo na feira multisectorial ordense para que todos os que a visiten teñan a oportunidade de amosar o seu rexeitamento á Lei de Demarcación e de Planta Xudicial, que contempla a desaparición de partidos xudiciais como os de Ordes e a súa concentración nas capitais de provincia, neste caso na Coruña.

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, destaca que “esperamos contar co apoio da gran maioría desas 36.000 persoas que se agarda que visiten Expoordes durante esta fin de semana, coincidindo coa celebración da Festa do Champiñón”. Neste sentido, Pedreira considera que “é importante que todos os veciños, tanto de Ordes coma do resto da comarca, asinen este manifesto para amosar que non están dispostos a ter que desprazárense a máis de 40 quilómetros para recoller un simple certificado”.

Pedreira Mirás considera que a reforma proposta por Gallardón “non suporá aforro ningún para a Administración e, pola contra, só dificultará aínda máis o acceso á Xustiza dos veciños e veciñas de Ordes. A proposta do señor Gallardón é totalmente anacrónica, mentres nos Concellos nos esforzamos por achegar máis a Administración ao cidadán a través de procedementos telemáticos, o ministro de Xustiza semella que só quere afastar a Xustiza da veciñanza”. Ademais, os socialistas lembran a importancia que teñen os xulgados de Ordes no tecido comercial e  hostaleiro do municipio, pois os 3.000 procesos e todas as xestións que albergan supoñen unha importante fonte de ingresos

24 de abril de 2014 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.