O Proxecto VT facilitou o nacemento de tres spin off en Santiago e Lugo
A Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela acolleu esta mañá a presentación dos resultados do Proxecto VT (Vehículos de Transferencia) en materia de novas tecnoloxías, un proxecto transfronteirizo que analiza as distintas vías de transferencia de coñecemento dende a Universidade ao mundo da empresa. Representantes da Universidade de Santiago de Compostela, do FEUGA, da Axencia Galega de Innovación, de TecMinho e do Instituto Politécnico de Viana do Castelo presentaron os resultados de investigación conseguidos polo Proxecto VT en materia de novas tecnoloxías, entre os que destacaron que tres proxectos xa se materializaron como spin off, dous en Santiago e un terceiro en Lugo.
Software for science é o nome da última spin-off apoiada dende Universidade de Santiago de Compostela e que xa se atopa na incubadora do edificio Emprendia. O seu proxecto titorizado no marco do Proxecto VT permitiu desenvolver un software que é quen de reproducir un experimento químico no ordenador. Dende a Área de Valoración, Transferencia e Emprendemento da USC explican que, ademais da novidade que supón, este proxecto suporá un importante aforro tanto económico (xa que non se teñen que comprar os elementos químicos a utilizar) como te tempo (xa que experimentos que requiren dun tempo de espera para comprobar os efectos pódense realizar de xeito inmediato). Un importante avance no campo da experimentación química.
As outras dúas spin-off se atopan nun estado máis avanzado e operando xa no mercado. É o caso de Cilenis, unha spin-off nacida da liña de investigación ProLNat@GE da Universidade de Santiago, dirixida por Pablo Gamallo dentro do Proxecto VT e apoiada/participada polo analista económico Marc Vidal a través do proxecto IDODI Labs. Cilenis ofrece solucións e produtos baseados en anos de investigación no procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística.
Esta empresa desenvolve software con filosofía de código aberto para ofrecer solucións avanzadas que melloran o acceso, o tratamento e a organización do coñecemento. Emprazados tamén no edificio Emprendia, Cialis ofrece servizos de instalación, adaptación ao cliente e mantemento de sistemas de recuperación de información; desenvolveu “Avalingua”, un software que avalía automáticamente o nivel lingüístico de documentos escritos en catro idiomas (inglés, español, portugués e galego); ofrecen conxugadores verbais multiplataforma, etc.
A terceira spin-off nacida ao abeiro do Proxecto VT na USC é VsonCloud SL, unha empresa de base tecnolóxica dedicada ao desenvolvemento de software e de metodoloxías para o asesoramento a outras compañías e clientes particulares na toma de decisións complexas. Trátase dunha empresa que xurde como resultado de varios anos de traballo no campo da investigación e o desenvolvemento dentro do grupo da Escola Politécnia Superior de Lugo “Unidade de Xestión Forestal Sostible” (UXFS).
Na actualidade, empresas e particulares de todo o mundo estanse a percatar da necesidade de incorporar ás súas actividades e procesos de decisión ferramentas de apoio na toma de decisións que axuden a xestionar os seus recursos da forma máis eficiente e sostible. Unhas ferramentas que basean o proceso de toma de decisións en diferentes metodoloxías matemáticas (AHP, ANP, PAPRIKA, MAUT, PROMETHEE, etc.) que son quen de xestionar as distintas variables de cada caso e ofrecer o mellor asesoramento para que cada unha das decisións que se deban resolver, se efectúe en base a un sólido análise de criterios económicos, sociais e ambientais.
Universidade e empresa
O acto de presentación dos resultados do Proxecto VT (Vehículos de Transferencia) en materia de novas tecnoloxías contou tamén cun coloquio protagonizado por Pablo Campos Alonso, experto en dirección de proxectos con experiencia en empresas como Google, Telefónica, Vodafone, Jazztel ou PSA Peugeot-Citroën. Campos Alonso explicou que “a pesar de la crisis, estamos en un punto en el que montar algo puede resultar un éxito y ejemplos como los que hoy se han presentado sirven para inspirar a los estudiantes”.
Pablo Campos insistiu en que “la Universidad debe fomentar el interés investigador, porque en Galicia hay un talento brutal”, pero indicó que “echo en falta más personas del mundo de la empresa implicadas en la Universidad”. Campos Alonso animou aos estudantes, profesores e investigadores presentes a “fomentar en la gente el convencimiento de que si tienen una buena idea pueden llegar a hacerla realidad. Es un error estar pensando siempre en ayudas y subvenciones. Si el proyecto es bueno y te esfuerzas, encontrarás inversor”.
Proxecto VT
O proyecto VT (Vehículos de Transferencia) aborda, dende unha perspectiva transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, as posibilidades das distintas vías de transferencia de coñecemento dende a universidade á empresa: a investigación baixo contrato, a transferencia vía licenza e a creación de empresas de base tecnolóxica. Apoiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco da segunda convocatoria do Programa de Cooperacións Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP), conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros, cofinanzados nun 75% pola Unión Europea. Conta como socios á Universidade de Santiago de Compostela, á Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA), á Axencia Galega de Innovación, á Associação Universidade Empresa para o Desenvolvemento – TecMinho e ao Instituto Politécnico de Viana do Castelo.











