O presidente de Famuncyt aborda na RdI Arteixo as claves para innovar no sector servizos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

Comercio, servizos e eficiencia enerxética centran as actividades da Rede de Innovación de Arteixo esta semana. A RdI é unha iniciativa de apoio a emprendedores e pemes promovida polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI), cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

A primeira das actividades é unha conferencia dirixida ao sector do comercio titulada “O escenario do produto. Técnicas de escaparatismo e visual merchandising”, de 20.00 a 21.45 horas. Durante a xornada, as relatoras Esther López, directora da Escola Superior Marcelo Macías da Coruña, e a escaparatista Rosa Barrientos explicarán como pór en valor a imaxe de marca e os produtos dun negocio a través da primeira impresión causada ao cliente.

O mércores 23, o presidente de Famuncyt (Fundación de Apoio ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía), Joaquín Chacón, impartirá a xornada “A era da innovación nos servizos”. Durante a súa estancia en Arteixo, Chacón defenderá que aínda existe un gran mercado no sector terciario para seguir innovando e que a estratexia debe basearse en algo tan sinxelo como escoitar ao cliente para analizar e coñecer as súas necesidades. O horario da xornada é de 16.25 a 18.30 horas.

Por último, o xoves 24, está prevista unha visita ás instalacións do Inega en Santiago de Compostela. A saída realizarase desde o Centro Arteixo Innovación ás 9.30 horas. Tras a recepción do grupo, Emérito Freire, director do Departamento de Enerxía e Planificación do Inega, departirá (10.30 h) cos asistentes sobre as tendencias no sector enerxético e as enerxías renovables.

A continuación, e tras un percorrido polas instalacións (11.00 h), o responsable do departamento autonómico informaraos (11.30 horas) sobre os programas de axuda e apoios para accións encamiñadas á eficiencia enerxética, pondo exemplos a través de casos de éxito. Tras o regreso ao Centro Arteixo Innovación, o grupo participará (13.00 h) nun foro sobre a eficiencia enerxética. A visita ao Inega está concibida como unha actividade transversal de interese para todos os sectores produtivos con base no municipio arteixán.

Inscricións abertas

As inscricións para participar no tres actividades poden realizarse no email RedInnovacion_Arteixo@eoi.es, no teléfono 981 641 095 ou ben a través do formulario online da web do proxecto. En todos os casos, a asistencia é gratuíta.

21 de abril de 2014 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.