O Porto de Marín érguese como “eixo vertebrador” da actividade económica e social da comarca

Francisco Conde na visita ao Porto de Marín
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe, durante unha visita ás instalacións da Autoridade Portuaria de Marín, o importante papel que desempeña o porto como “eixo vertebrador” da actividade económica e social da Comarca. Neste sentido, Conde, que mantivo un encontro con representantes das distintas empresas instaladas no porto de Marín, destacou as posibilidades que ofrecen as súas infraestruturas a ditas empresas así como a súa situación xeográfica de cara a buscar novos mercados.
O conselleiro, que estivo acompañado polo delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís, e polo presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez, subliñou o potencial dun porto que recibe preto de 900 buques mercantes cada ano e move máis de 1,8 millóns de toneladas, configurándose como unha plataforma loxística que ofrece “os mellores servizos ás súas empresas”.
Deste xeito, Marín sitúase entre os principais portos galegos, contando coa única Terminal Cuberta de España, e segue a traballar para consolidar o seu posicionamento, con especial interese ao tráfico marítimo que achegará o novo canal de Panamá. “O Porto de Marín está adaptando as súas infraestruturas aos buques post panamax, co obxectivo de incrementar a súa actividade unha vez que finalice a ampliación do propio Canal de Panamá”, explicou Conde.
Neste sentido, o titular de Economía e Industria resaltou as posibilidades do sistema portuario galego que, con 1.400 quilómetros de costa, desempeña un papel fundamental na estrutura económica da Comunidade e na internacionalización das súas empresas.
“Os nosos portos xogan un papel clave no impulso da actividade económica, da actividade industrial, e do posicionamento internacional das nosas empresas”, incidiu o conselleiro, quen avogou pola colaboración coa administración autonómica para seguir potenciando o papel que están a desempeñar os portos galegos na procura de novos mercados.
Entre as súas comunicacións, o Porto conta, por estrada, coa nova variante de Marín, que se suma aos enlaces coa AP-9 e a A52, e dispón de conexión coa rede nacional de ferrocarril, o que lle permite ser un dos 5 portos de interese xeral que máis emprega este transporte. Unhas comunicacións que se completan co transporte aéreo que achegan os aeroportos de Vigo e Santiago.











