O pleno de Lousame aproba as obras incluídas no plan DTC93
O pleno municipal de Lousame aprobou esta mañá en sesión extraordinaria as obras incluídas no Plan DTC93, que suporán un investimento de máis de 138.000 euros en catro proxectos de mellora de estradas no municipio. Un punto que foi aprobado de xeito unánime polos concelleiros do PP e do PSOE, xa que o deputado de Compromiso por Galicia xustificou a súa ausencia á sesión.
O primeiro proxecto é o que suporá un maior investimento, 37.667 euros, e inclúe a mellora dos accesos a Xestoso, a pavimentación interior de Vilas, a mellora do acceso a Quintáns (Lesende) e a mellora dun camiño interior de Quintás á saída do campo de fútbol de Cabanetán (Lesende). As obras no acceso a Xestoso permitirán mellorar a capa de rodaxe desta pista, de 100 metros de lonxitude e 4,5 metros de ancho, con 5 centímetros de aglomerado en quente, previa reparación dos baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. A obra inclúe tamén a instalación de 65 metros de entubado e a execución de 3 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais.
Pola súa banda, a pavimentación interior de Vilas incluirá tamén unha mellora da capa de rodaxe con 5 centímetros de aglomerado en quente, máis un último tramo de reposición do firme con 15 centímetros de zahorra, 10 de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Así mesmo, colocaranse 5 metros de varanda metálica para seguridade viaria.
As obras de acceso a Quintáns (Lesende) executaranse ao longo de tres tramos de case 100 metros nos que se mellorará a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación dos baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Ademais, abriranse gabias e limparanse as salvagabias para unha correcta drenaxe e instalarase nova sinalización. Finalmente, a mellora do camiño interior de Quintás á saída do campo de Cabanetán incluirá tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación dos baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. O prazo de execución deste proxecto é de 6 meses.
O segundo proxecto é a reparación interior de Cruído e do sobreancho da curva da Horta, orzamentado en 35.669 euros. Neste proxecto reporase os 4 treitos do interior de Cruído (130 metros) con 10 centímetros de formigón, incluso mallazo e xuntas de dilatación, previo emprego de 10 cms de zahorra no último treito do camiño. Ademais, instalaranse 116 metros de entubado PVC de 315 mm de diámetro para a recollida de pluviais.
A segunda obra incluída neste proxecto é o sobreancho da curva en Horta, de 260 metros de lonxitude e 6 metros de ancho, onde se mellorará a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e previo emprego de 15 cms de zahorra, 10 cms de grava e triplo tratamento asfáltico na ampliación da curva. Por último, instalaranse 45 metros de entubado de 315 mm de diámetro para a recollida de pluviais. O prazo de execución destas dúas obras é de 6 meses.
O terceiro proxecto inclúe a reparación dos camiños Escavia-Ardeleiros e Tállara-Norte Cemiterio-Subida a Guiende, orzamentados en 33.482 euros. No camiño de Escavia a Ardeleiros, de 795 metros de lonxitude e 4,5 metros de ancho, preténdese mellorar a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordente con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Ademais da limpeza de salvagabias e da apertura de gabias, colocarase un sinal de Stop.
No caso do camiño Tállara-Norte Cemiterio-Subida a Guiende, o proxecto executarase en tres treitos que suman 750 metros de lonxitude, e anchos entre os 5 e os 10 metros. Aló mellorarase a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordente con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Así mesmo, executaranse 100 metros de gabia revestida de formigón para unha correcta drenaxe da zona. As dúas obras teñen un prazo de execución de 6 meses.
Por último, o cuarto proxecto do DTC93 suporá un investimento de 31.709 euros na pavimentación da vía pública de acceso á Muralla. Trátase dunha pista de 950 metros en Fruíme que comunica o antigo vertedoiro co cruce da Muralla, no límite dos concellos de Lousame, Rianxo, Dodro e Rois. Trátase dun camiño moi transitado por veciños e visitantes, xa que dá acceso ao Mirador da Montaña. Actualmente, este camiño está sen pavimentar, conta cun ancho de 4,5 metros e está cheo de baches.
A actuación consistirá no rasanteo de todo o camiño para despois poder aplicar tres tratamentos e rego asfáltico sobre grava: semiprofesional, superficial e de selado. Non será preciso realizar ningunha escavación ni recheo. O prazo de execución tamén é de 6 meses.
Partido xudicial
No que respecta ao resto da orde do día, ademais do sorteo dos integrantes das mesas electorais o pleno aprobou por unanimidade unha moción conxunta de PP e PSOE na defensa do Partido Xudicial na comarca. A alcaldesa, Teresa Villaverde, explicou que “non son iguais todos os territorios e non é o mesmo ir de Móstoles a Madrid que ir de Lousame a Coruña, que estamos falando de 100 a 120 quilómetros. Espero e desexo que non sexa así porque, ademais de ter unha xustiza máis rápida e áxil, ten que ser próxima á veciñanza”.
A moción aprobada esta mañá insta ao Goberno de España a que garanta a existencia de órganos xudiciais noutros municipios distintos ás capitais da provincia de acordo con criterios como volume de poboación, carga de traballo ou distancia coa capital. Ademais, pide concretamente o mantemento dos órganos xudiciais da comarca.
Finalmente, o pleno municipal aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito de 40.276 euros e unha modificación de crédito polo mesmo importe para o abono de facturas. Unha modificación que se fai con cargo ao remanente de Tesourería de 2012, que foi de 298.000 euros e que na actualidade é de 149.000 euros. O remanente de Tesourería de 2013 ascendeu a máis de 266.000 euros.











