O pleno de Cangas aproba por unanimidade unha moción en defensa dos xulgados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Hoxe ás 20.00 tivo lugar unha nova sesión do Pleno da Corporación Municipal na Casa do Concello correspondente ao mes de abril e na que foi aprobada por unanimidade unha moción conxunta dos grupos políticos con representación na corporación na que “se traslada ao Ministerio de Xustiza o rexeitamento do Pleno do Concello de Cangas ao anteproxecto da Lei de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial ao recoller a supresión do Partido Xudicial de Cangas así como remitir o presente acordo á Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza” da Xunta de Galicia. No documento destácase que esta reforma suporía a supresión do Partido Xudicial suporía un grave prexuízo social e económico para as poboacións de Cangas, Moaña e Vilaboa, “cunha área de poboación superior aos 50.000 habitantes, porque afastaría a Administración dos administrados, cando a acción política debe ter como obxectivo todo o contrario”. Neste sentido tamén sinálase o enorme esforzo realizado pola propia administración para a dotar aos xulgados cangueses da infraestructura e persoal necesarios  para atender a máis de 10.000 casos cada ano.

Ademais de abordar este punto, durante a primeira parte da sesión plenaria abordáronse os primeiros puntos da orde do día procedéndose a aprobación da acta da última sesión  así como a dar conta das resolucións de alcaldía dictadas ata o pasado 22 de abril, dos marcos orzamentarios 2014-2017, do informe de seguimento do Plan de Axuste, da execución do cuarto trimestre do orzamento municipal do exercicio 2013 así como do informe sobre o cumprimento dos prazos previstos no pago das obrigacións das entidades locais relativo ao primeiro trimestre do 2014.

Por último debatéronse tres mocións do Bloque Nacionalista Galego (BNG) sobre o “apoio e recuperación da festa local ‘Cangas 1617’ ”, de “apoio aos profesores que imparten cursos Celga” que non saíron adiante cos votos en contra do equipo de goberno local e sobre a “revisión da facturación polo consumo eléctrico municipal de Gas Natural- Fenosa”. Ningunha delas saíu adiante cos votos en contra do equipo de goberno local que explicou, no debate da última moción, que xa se está a desenvolver unha traballo por parte dos servizos municipais de revisión da facturación así como un estudo sobre posibles medidas de aforro entre outras actuación polo cal non ían a apoiar a moción “por tardía”. Tamén foron debatidas dúas mocións presentadas pola formación Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) para “declarar Cangas vila libre de circos con animais” e “sobre a desafectación dos terreos de Massó”, ambas foron aprobadas cos votos das formacións da oposición e a abstención do equipo de goberno e por unanimidade respectivamente. Hai que sinalar que na última moción houbo unha emenda de substitución do acordo na que solicitábase que o presidente de Autoridade Portuaria explicase aos membros da Corporación Municipal durante o próximo mes de maio as actuacións previas que se van a facer na zona da antiga fabrica de Massó antes de que os terreos pasen a titularidade municipal. Modificación que permitiu o consenso entre todos os grupos municipais.

Rogos e preguntas

Por último realizouse unha quenda de rogos e preguntas nas que os voceiros dos grupos municipais cuestionaron sobre diversas cuestións como as xestións sobre a horta urbana de A Choupana, actuacións realizadas entorno ao mal estacionamento de vehículos na vila, sobre a posta en marcha de transporte marítimo cara as praias ou a necesidade de realizar novas xuntanzas para traballar sobre o PXOM entre outras e que foron respondidas polos membros do equipo de goberno informando sobre as xestións realizas ata o momento.   

26 de abril de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.