O Pleno de Cambados aproba uns presupostos continuistas e coherentes de 8.734.668,33 euros
O Pleno da Corporación prevé aprobar hoxe o documento de Presuposto Municipal para este ano 2014 que alcanza a cifra de 8.734.668,33 euros, só 249.352 euros máis que o do pasado exercicio. Coma sempre, a partida de gastos máis alta é a destinada a retribucións de persoal con 3.650.293 euros, cunha baixa de 19.500 euros respecto ó pasado ano.
O alcalde, Luis Aragunde, sostén como líneas argumentais para defender este documento que o Concello segue “gozando de boa saúde económica”, pois cumpre a estabilidade presupostaria, mantén a regla do gasto e o nivel de endebedamento descende ata o 34 por cento (dezaséis puntos menos que o anterior). A débeda per cápita reflicte que os cambadeses son dos menos endebedados da provincia e mesmo de Galicia.
O documento orzamentario redactouse na liña do anterior para adaptarse á realidade económica municipal. O presuposto 2013 pechouse con balance positivo; o remanente de tesourería tamén é positivo. En xeral, todas as magnitudes presupostarias son positivas, tal e como suliña o departamento de Intervención. Con estes datos pódese avalar un diagnóstico favorable da economía municipal.
No documento baixa un pouco o gasto de persoal, a partida máis voluminosa; estase facendo un notable esforzo de contención no gasto corrente, malia que ascende algo como consecuencia da suba das tarifas de Sogama para a recollida de residuos. O novo servizo de telefonía vai representar un aforro de case 30.000 euros ano.
Incrementos en Servizos Sociais
Na previsión orzamentaria mantéñense as partidas de transferencias destinadas a entidades culturais, cun incremento de 5.000 euros nas deportivas (70.000€), e outra suba de 3.000 euros ás entidades benéfico asistenciais (33.000€) que son prioritarias para o goberno municipal e xa experimentaron subas en anos anteriores. Tamén se suben un pouco as bolsas de ensino destinadas a estudiantes cambadeses.
Entre as principais partidas de gastos destinanse 195.000 euros ó Servizo de Axuda no Fogar, 20.000€ máis que o ano anterior (45.000 máis que en 2012), tendo en conta o incremento do número de usuarios, e ademais porque é unha axuda fundamental para cubrir necesidades básicas como a limpeza do fogar e a manuntención das familias que o precisan. O Fondo de Emerxencia Social ascende a 15.000 euros (5.000€ máis), en previsión das continxencias que poidan producirse.
Na partida destinada a reparación e conservación de vías públicas, inclúense 99.505 euros para a restauración da escalinata de San Tomé, así como novos asfaltados en diversos puntos do municipio. En investimentos destínase unha partida de 53.000 euros ó proxecto da nova praza de abastos, que podería comezar este ano. O Centro de Día xa conta con partida específica nos presupostos da consellería de Traballo.











