O pleno da Coruña aprobará unha proposta para declarar nulo o convenio do cárcere

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Galego, informou esta mañá de que no pleno do próximo luns, 5 de maio, aprobarase unha proposta do Goberno municipal para declarar nulo o convenio asinado en 2005 polo Concello e o Goberno central que obriga aos coruñeses pagar dúas veces polo inmoble da antiga prisión provincial.

A decisión de declarar a nulidade de pleno dereito deste convenio nace dunha moción aprobada en 2013 por unanimidade de toda a Corporación. A revisión de oficio do convenio é o paso previo necesario para que o cárcere sexa devolta de maneira gratuíta ao patrimonio municipal.

Rosa Galego explicou que, unha vez revisado o expediente, detectáronse unha serie de puntos que argumentan a anulación do convenio asinado polo entón alcalde Francisco Vázquez coa administración central e, por tanto, a devolución ao Concello da antiga prisión provincial sen necesidade de pagar os 1,2 millóns de euros fixados no acordo de 2005:

– O alcalde non era o órgano competente para asinar o convenio.

– O acordo de 2005 carece dos informes favorables da Asesoría Xurídica e da Intervención.

– Comprometeuse un gasto para o que non existía crédito no orzamento e comprometeuse un gasto de exercicios futuros cando esta autorización é competencia do pleno.

– O acordo pretende que o Concello pague por recuperar unha parcela municipal cedida ao Estado en 1925 para a construción da antiga prisión provincial.

Á moción aprobada o ano pasado por unanimidade no pleno para resolver o convenio e o acordo que se adoptará no pleno do próximo luns, súmase o compromiso adquirido en Xunta de Goberno en xuño de 2013 no que se decidiu propor á Dirección Xeral de Institucións Penais e á Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos (SEIP) a resolución de mutuo acordo deste convenio subscrito o 20 de outubro de 2005 para:

– Solicitar a reversión gratuíta a favor do Concello da parcela do cárcere. En caso de non alcanzarse este acordo, incoar un expediente para a revisión de oficio do convenio de 2005.

– Acordar a mutación demanial subxectiva da parcela onde se asenta o Centro de Inserción Social. Ou ben acordar a concesión demanial gratuíta de devandita parcela por un máximo de 75 anos e para fins de dominio público. A diferenza entre unha mutación demanial e unha concesión demanial é que, no primeiro caso, a parcela terá que manter os mesmos usos que ten agora e, no suposto de incumprimento, determinaríase a reversión do edificio; e, no segundo, a parcela cédese simplemente o uso por un máximo de 75 anos, sempre para fins de dominio público.

29 de abril de 2014 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.