O paso de peóns do cruce da Xalda xa se regula con sinalización semafórica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O cruce de peóns da Avenida Rosalía de castro á altura da Rúa A Xalda regúlase dende onte a mediodía co novo semáforo que vén de instalar a Xunta en colaboración co Concello de Vilagarcía. Tras as xestións realizadas dende o goberno local ante a administración titular da vía, os veciños ven atendida a súa demanda coa instalación da sinalización semafórica que aportará máis seguridade aos peóns nunha zona de Carril moi transitada debido á proximidade do colexio e o instituto.

A colocación do semáforo comezou a semana pasada e rematou onte a mediodía. Dado a elevada intensidade de tráfico que rexistra a Avenida Rosalía de Castro, e como o seu principal obxectivo non é regular o tráfico senón garantir a seguridade dos peóns, o semáforo non funcionará por tempos, senón que se activará a demanda.. É dicir, que se porá en vermello para os vehículos só cando un peón o requira pulsando o premedor.

O regulado do paso de peóns da Xalda mediante sinalización semafórica demandábase dende hai tempo debido a que se trata dun cruce moi transitado por veciños e o alumnado do colexio e do instituto e a que se atopa nunha vía cunha densidade de tráfico moi elevada. Os veciños solicitaron ao Concello a colocación do semáforo para garantir a seguridade viaria dos peóns, xa que nese tramo de vía se teñen producido varios atropelos.

O Concello realizou varias xestións ante a Xunta de Galicia, froito das cales, hai uns meses visitaron a zona o delegado da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís que, xunto co alcalde e o concelleiro de Policía Local e técnicos de ámbalas dúas administracións, para determinar o mellor punto no que colocar o semáforo.

11 de abril de 2014 | 11:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.