O Parque de Montealegre de Ourense acollerá un concerto de María do Ceo
A Concellería de Participación Cidadá do Concello de Ourense organiza este sábado, día 3 de maio, a actividade “Sementando o noso cantar”. Con motivo da celebración, dito mes, das Letras Galegas, consistirá nun concerto da cantante María do Ceo, no Auditorio ao aire libre do Parque de Montealegre, con entrada libre e gratuíta, no que interpretará versións musicais de grandes clásicos da poesía en galego.
Os concertos desenvolveranse ao longo do mes de maio en diferentes espazos públicos dos barrios da cidade.
Esta primeira xornada está organizada pola Concellería de Participación Cidadá coa colaboración das concellerías de Medio Ambiente e Voluntariado. Comenzará ás 17:00 horas, cando os asistentes desfrutarán dunha visita guiada polas instalacións do parque de Montealegre, e ás instalacións da exposición de bonsáis, que acollerá dende ese día o Parque.
Ás 18:00 horas comezará o concerto de María do Ceo, que interpretará versións musicais de poesías de Xosé María Díaz Castro, poeta ao que lle renden tributo as Letras Galegas o presente ano 2014, no que se celebra o centenario do seu nacemento, Curros Enríquez, Castelao, Ramón Cabanillas, Eduardo Blanco Amor ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros.
A actividade “Sementando o noso cantar” continuará ao longo do mes de maio en diferentes espazos da cidade: a Asociación de Veciños Parque Barbaña, Parque Angelita Paradela, as asociacións de veciños A Chavasqueira e Vistafermosa e Agrupación Miño.
Divulgar as letras galegas a través da música
“Con esta iniciativa pretendemos divulgar os clásicos da poesía galega entre os nosos veciños e veciñas da man desa extraordinaria intérprete que é María do Ceo”, sinala a concelleira de Participación Cidadá, María Devesa, que subliñou a elección dun lugar “extraordinario como é o Parque de Montealegre, contribuíndo así a que a xente desfrute coa música, coa obra dos poetas galegos, e poda coñecer mellor este gran espazo natural que temos na nosa cidade”.
O programa o continuará ao longo do mes de maio, en diferentes zonas da nosa cidade, en parques e locais de asociacións veciñais, “para achegalo a todo tipo de públicos e aos diferentes barrios”, sinala a concelleira de Participación Cidadá.
Parque de Montealegre: Sábado, 3 de maio ás 18.00 h.
AVV Barbaña: Xoves, 8 de maio ás 20.00 h.
Parque Angelita Paradela, Os Rosais: Venres, 16 de maio ás 19.00 h.
AVV A Chavasqueira: Domingo, 18 de maio ás 19.00 h.
AVV Vistafermosa: Xoves, 22 de maio ás 20.00 h.
Agrupación Miño: Venres, 23 de maio ás 20.30 h.











