O Parque das Illas Atlánticas acolle as IX xornadas formativas para profesionais do turismo

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local Portada ► Vigo ▼
A-
A+

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, asistiu hoxe ao comezo dunhas xornadas formativas sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas dirixidas a profesionais do sector turístico. Esta acción formativa iníciase no día de hoxe e prolongarase ata mañá.

Estas xornadas, que se veñen realizando de xeito consecutivo dende o ano 2006, sendo a presente edición a novena, está dirixida a profesionais do sector turístico, como técnicos, informadores, guías ou persoal de organismos e entidades que estean en contacto cos potenciais visitantes do Parque Nacional.

Nas pasadas edicións formáronse máis de 650 profesionais do sector turístico, co que xa un número importante de profesionais deste sector de Galicia adquiriron coñecementos básicos que os capacitarán a hora de mellorar o seu traballo en relación co Parque Nacional.

As xornadas constan de dúas partes principais: unha teórica, que se realizará hoxe venres no salón de actos do Centro de Visitantes do Parque Nacional; e outra de carácter práctico, que terá lugar mañá, sábado 5 de abril, e que consistirá na visita ao arquipélago de Cíes, onde os participantes contrastarán de xeito práctico os contidos tratados na xornada de hoxe.

Obxectivos

Entre os principais obxectivos destas xornadas están os seguintes:
• Dar aos asistentes ferramentas e recursos que lles permitan proporcionar aos potenciais visitantes do Parque Nacional a información máis actualizada posible sobre aspectos como os servizos, a normativa ou a súa xestión.
• Transmitir aos participantes a necesidade de conservación e protección dos valores do Parque Nacional en particular e dos espazos naturais protexidos en xeral, e a importancia da súa labor na transmisión de ditas premisas aos visitantes do mesmo.
• Proporcionar aos participantes unha canle de comunicación co Parque Nacional, de xeito que lles permita propoñer suxestións e actuacións de mellora no espazo, especialmente nos aspectos relacionados coa súa área de traballo.

4 de abril de 2014 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.