O pacto presupostario en Vigo faise oficial coa aprobación das contas
O pacto entre o goberno local do PSOE e o grupo municipal do PP sobre os presupostos de Vigo se fixo oficial este venres, coa aprobación das contas de 2014 en Xunta de Goberno, unhas contas que ascenden a 228 millóns de euros e que foron defendidas de forma vehemente tanto polo alcalde, Abel Caballero, coma polo voceiro do grupo popular, José Manuel Figueroa.
O rexedor explicou que os presupostos de 2014 se manteñen e mesmo se incrementan as partidas destinadas a gasto social, educación, cultura, deporte, comercio ou turismo, a pesar dos recortes das achegas do Goberno, do sobrecoste polo servizo de Sogama ou dos máis de 10 millóns que o Concello deixa de ingresar por conxelación ou baixada de taxas.
Caballero destacou os máis de 5 millóns destinados a fomento do emprego, 11,5 millóns para servizos sociais e de benestar, 12 millóns para subvencionar o transporte público, ou os máis de 11 millóns de inversión (dos que entorno a un 75 por cento serán para reformas de rúas e humanizacións).
Segundo recordou o alcalde, o pacto entre PP e PSOE permitirá que os presupostos deste exercicio se aproben en pleno con 24 votos, é dicir, “a maior votación que terá un presuposto na historia da cidade”. “Por enriba do meu partido e da miña ideoloxía, á que non renuncio, está a cidade”, xustificou Caballero con respecto ao acordo cos populares.
PP E BNG
Pola súa parte, o voceiro do grupo municipal do PP, José Manuel Figueroa, explicou que todos os compromisos que o seu grupo esixía ao alcalde para apoiar o presuposto “figuran expresamente” no documento, polo que, a partir de agora, os populares centrarán os seus esforzos en “vixiar” o cumprimento do pactado. Para iso, formarase unha comisión integrada por concelleiros e militantes do partido.
Figueroa repetiu que o pacto co goberno socialista é unha forma de “antepoñer os intereses da cidade ás apetencias partidarias”. “É un acordo por Vigo. Nós non nos movemos nin medio metro, outros se viñeron ás nosas posicións”, recalcou.
A ese respecto, destacou que o seu grupo logrou que o PSOE se aveña a aceptar cuestións como a rebaixa fiscal, o estudio para unha nova tarificación da auga, o desbloqueo da Cidade da Xustiza e do transporte metropolitano, ou a dotación de servizos para o novo hospital, entre outras cuestións. “O pacto estase a cumprir”, sentenciou, ao tempo que proclamou que o PP non votará a favor do presuposto “por un puñado de votos”, senón polo “futuro” de Vigo.
Pola súa banda, o BNG volveu criticar o pacto entre socialistas e populares, que provoca unha “situación terriblemente negativa para a cidade”. Segundo a voceiro nacionalista, Iolanda Veloso, “o PSOE pon ao PP a gobernar” e permite que os presupostos sirvan “para pagar o que a Xunta non quere pagar”.
Nesa liña, acusou o alcalde de avalar a “privatización” do hospital, e de poñer atención a cuestións como as bolsas de inglés ou as axudas en voos, que non son prioritarios cando hai familias en situación de necesidade.
“Agora Abel Caballero pon o PP a gobernar, e preguntámonos de onde sae esta decisión, ¿tomouna el no seu despacho, ou chegoulle dende Santiago ou Madrid?”, insistiu Veloso.











