O Observatorio Nacional da Artesanía reúnese en Santiago para analizar os retos e estratexias do sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Reunión do Observatorio Nacional de Artesanía. Foto: C. Paz

Reunión do Observatorio Nacional de Artesanía. Foto: C. Paz

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presidiu hoxe en Santiago de Compostela a reunión do pleno do Observatorio Nacional de Artesanía, un foro de encontro entre as Administracións públicas con competencias nesta materia cuxa presidencia de turno ostenta na actualidade Galicia.

No encontro, no que participaron representantes de Andalucía, A Rioxa, Castela e León, Estremadura, Madrid e a Comunidade Valenciana, así como da Fundación Española para la Innovación de la Artesanía (Fundesarte) e da Organización de los Artesanos de España, analizáronse os principais retos e estratexias para continuar a reforzar o sector nos vindeiros anos, desde ámbitos como a innovación e a formación, a comercialización ou a normativa.

Neste sentido, a directora xeral de Comercio informou sobre o novo Plan de Artesanía de Galicia posto en marcha pola Xunta, no que se recollen liñas de acción ata 2016 para impulsar un sector que na actualidade emprega xa a máis de 5.000 persoas en Galicia, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

O Observatorio Nacional da Artesanía, que preside Galicia desde decembro de 2012 por un período de dous anos, é un foro de diagnose e análise sobre a situación da artesanía en España cuxo obxectivo é elaborar estratexias a favor do sector establecendo marcos de cooperación e coordinación entre as diferentes comunidades autónomas.

Entre outros cometidos, encárgase de elaborar informes de consenso con respecto á artesanía, ante as diferentes institucións europeas, recibir información sobre as actuacións que desenvolve cada administración, así como apoiar as artesanías en perigo de desaparición e a comercialización no sector artesán. Así mesmo, o Observatorio Nacional da Artesanía informa das actividades referentes á cualificación profesional dos artesáns e fomenta unha axeitada imaxe da marca artesá.

25 de abril de 2014 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.