O obradoiro de emprego desenvolve traballos de xardinería no Pazo de Liñares
A responsable municipal de Emprego sinala que ao longo do último mes se acometeron traballos de reparación do muro perimetral de manpostería do Pazo, construíronse sendas peonís no xardín dianteiro, enlousouse o camiño peonil de acceso á capela, rasanteouse o terreo e se limparon os xardíns e se podaron as árbores froiteiras, entre outras actuacións, que contribúen a dar un chanzo máis na posta en valor deste BIC, obxectivo do grupo de goberno, dotándoo de diversos usos e funcións como o CXCA, o Arquivo Histórico do Deza, o Museo da Marioneta ou unha sala para exposicións itinerantes
A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, realizou unha visita ao obradoiro de emprego <Agrolalín>, promovido polo Concello de Lalín en colaboración coa Consellería de Traballo, na súa recta final antes da finalización dos traballos, prevista para mediados deste mes. Estivo acompañada pola directora do obradoiro e por persoal técnico da súa Concellería.
A responsable municipal comprobou o traballo desenvolto pola vintena de alumnos que tomaron parte en <Agrolalín> que se puxo en marcha o 15 de outubro e que está a posibilitar o acondicionamento do Pazo de Liñares, Ben de Interese Cultural (BIC) e casa natal do Fillo Ilustre de Lalín e pioneiro da aviación, Joaquín Loriga, un nobre inmoble que tivo como visitantes á ilustre escritora Emilia Pardo Bazán que se refería a el como “Palacio del Recuerdo”.
Batán visualizou o estado dos traballos de urbanización de Liñares que levaron a cabo os alumnos ao longo deste último mes. No que se refire á especialidade “pavimentación e albanelería de urbanización”, ata a data actual realizáronse traballos de reparación e consolidación dun total de 180 metros de muro tradicional de manpostería no perímetro e arredores do Pazo.
“Desde a última visita fíxose a limpeza de muretes de mampostería tradicional e reposición e consolidación de zonas deterioradas, ao tempo que se limparon tamén os muros perimetrais existentes na zona da horta traseira”, sinalou. “Ademais, tamén se rexuntaron con morteiro partes do dito muro que estaban derruídas ou deterioradas”, precisou.
ENLOUSADOS E SENDAS PEONÍS
De igual modo, tamén explicou que “os traballos de enlousado na zona do xardín dianteiro están practicamente rematados: construíuse unha beiravía adoquinada, de 1 metro de ancho, na fachada principal do Pazo, á que se lle puxo de adoquín pedra do país; rasanteouse o terreo de recheo de todo o xardín con terra vexetal e construíronse sendas peonís, en lousas de pedra dispostas de xeito que permitan o crecemento da herba e asentadas sobre soleira de formigón, seguindo un trazado non rectilíneo acorde coa topografía e arborado existentes”. “A maiores tamén se enlousou o camiño peonil de acceso á capela, en lousas de granito”, puntualizou.
PRACIÑA EXTERIOR
A edila delegada de Emprego incidiu en que <Agrolalín> desenvolveu así mesmo actuacións na praciña exterior do Pazo, coa colocación e canalización para recollida de augas pluviais e verquidos de auga da fonte que hai no acceso ao Pazo e construíronse 30 metros cadrados de enlousado en pedra do país da entrada exterior ao Pazo -do total da superficie que é de 40 m2-. Os traballos nesta área tamén abrangueron a canalización soterrada de cableado eléctrico e do centro de telecomunicacións.
ACTUACIÓNS NOS XARDÍNS
Na segunda modalidade de traballos que inclúe <Agrolalín>, a de “horticultura e floricultura”, María José Batán indica que na zona do xardín dianteiro se realizaron operacións de limpeza e roza de vexetación e maleza nas árbores existentes (camelios, pereiras e maceiras) e aplicáronse tratamentos rexeneradores naqueles que se atopaban en mal estado. Podáronse as árbores froiteiras e ornamentais e retiráronse as hedras; sementouse céspede xunto con terra vexetal entre as xuntas abertas en parte da beirarrúa da fachada do Pazo e púxose en funcionamento a rede de rega por aspersión para o coidado do céspede.
PLANTACIÓN DE 1.400 BUXOS
No que atinxe ao xardín posterior ao Pazo tamén se rozou e limpou a vexetación na zona de froiteiras, podáronse ás árbores e aplicáronse tratamentos rexeneradores e fitosanitarios a aquelas que se atopaban en mal estado. Ademais tamén se efectuaron traballos de volteo da cuberta vexetal e rastrillado da mesma para preparar a terra de cara a plantar proximamente 1.400 buxos no xardín ornamental. Neste xardín tamén se realizaron debuxos xeométricos realizados con pedra pequena.
A maiores, fixéronse traballos de fertilización na terra de cultivo da horta, cos restos de queima de maleza; prolongáronse tubos de drenaxe existentes co fin de acondicionar o terreo de plantación do xardín e colocouse unha malla antixerminación na zona do xardín para evitar malas herbas na zona de plantación dos buxos.
Batán puntualiza que “os traballos de <Agrolalín> foron un pouco máis complicados por mor dos temporais dos últimos meses; malia así púidose facer unha parte importante dos cometidos previstos inicialmente”.
É de destacar que na especialidade “horticultura e floricultura” na finca experimental do Polígono Lalín 2000 se plantaron multitude de especies: iris, lirios, tulipán de varias cores, rosais, narcisos, brócoli, coliflor, acelga, puerro, leituga, allos, coles, repolos, fresas e espinaca. Fixéronse sementes de calabacín, calabaza, col de Bruxelas, berenxena, pemento ornamental e aromáticas.
POSTA EN VALOR DO PAZO
Batán fai fincapé en que “o obradoiro de emprego contribúe a dar un chanzo máis na posta en valor do Pazo de Liñares, mediante as obras de urbanización e xardinería desenvolvidas, co obxectivo de convertelo nun equipamento de primeiro nivel con diversidade de usos”.
Neste sentido a concelleira lembrou, tal como avanzou o alcalde no último Pleno, que en Liñares está contemplado a posta en marcha do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico que funcionará como un anexo do Museo de Pontevedra e mais do Arquivo Histórico do Deza. Ademais unha sala cederase ao Xacobeo para a realización de exposicións itinerantes e tamén nel se instalará o Museo da Marioneta -Viravolta está a traballar nunha proposta máis ampla de usos e actividades- iniciativas coas que, facendo un gran esforzo desde o grupo de goberno, e unha vez remate <Agrolalín>, se tratará de dinamizar este inmoble BIC”.











