publicidade hoxe

O número de mulleres asasinadas a mans do seu marido en España elévase a 22

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFoz
A-
A+
Europa Press

A Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero confirmou que a morte en Foz (Lugo) dunha muller cuxo corpo foi achado este xoves corresponde a un crime desta tipoloxía, o que eleva a 22 o balance de mulleres asasinadas en España no que vai de ano por homes cos que mantiñan ou mantiveran unha relación de parella.

A muller asasinada na localidade lucense tiña 71 anos e era de nacionalidade española, do mesmo xeito que o agresor, o seu marido, de 68 anos, que se suicidou nunha vivenda anexa ao domicilio que compartían. Deixa tres fillos maiores de idade e non constaban denuncias previas por malos tratos.

Tampouco existían denuncias en 16 dos homicidios rexistrados desde que comezou o ano. Do seis mulleres que si acudiran ás autoridades, dúas retiraran a denuncia e ningunha contaba cunha orde de protección en vigor no momento en que se produciu o asasinato.

Desde que empezaron a recollerse estatísticas de homicidios por violencia de xénero, no ano 2003, 728 mulleres foron asasinadas en España. En 2013, ao peche do mes de abril morreran 17 por culpa doutros tantos homes cos que mantiveron unha relación sentimental, cinco menos das que se contan xa este ano. A cifra podería ser maior, pois aínda hai dous casos que están en investigación.

A ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mato, chama a denunciar a violencia de xénero “ante calquera signo dos malos tratos”. “A propia vítima, pero tamén os seus familiares e toda a sociedade, son claves para evitar que a violencia quede impune. A unidade de todos os axentes implicados é un factor esencial”, di o seu departamento nun comunicado.

25 de abril de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.