O nacional de Trial regresa esta fin de semana cunha proba en Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasDeportes
A-
A+

As categorías TR3, TR4, Junior, Cadete, Xuvenís A, Xuvenís B, Mulleres A e Mulleres B regresan á competición este fin de semana. A provincia de Pontevedra terá a honra de contar cos deportistas desta especialidade que sempre deixan coa boca aberta aos afeccionados locais. Nesta ocasión os pilotos gozarán, ademais, dunhas marabillosas paisaxes que os acollerán durante todo o fin de semana.

A proba tamén será puntuable para o Campionato Galego de Trial polo que durante toda a mañá vivirase un gran espectáculo. O paddock estará situado no Porto Pesqueiro. O Motoclub Aldán, organizador da carreira, preparou 10 zonas polas que os participantes terán que pasar dúas veces. Algunhas delas estarán no monte e serán de terra e pedras pero tamén haberá outras na costa onde todo será pedra. A interzona ten ao redor de 10 quilómetros e tamén haberá dous indoor.

Nesta proba veranse as caras todas as categorías do CET menos TR1 e TR2. En TR3 Francesc Recio lidera a xeral con 40 puntos fronte aos 32 que teñen Rafa Latorre e Víctor Batalla. A loita entre eles en Cangas será total. En TR4 Adrià Albejano é primeiro con 37, segundo é Luís Pastor con 35 e terceiro Jesús Martín con 28. Todos están moi parellos en puntos nesta categoría.

En Junior Jaume Roselló e Marc Riba teñen 37 puntos polo que esta cita preséntase moi importante para eles. Adrián Villabrille ségueos con 25. Gabriel Marcelli, Sergio Ribau e Iván Ortiz son os tres primeiros clasificados de Cadete. Gabriel ten unha vantaxe de 6 puntos fronte a Sergio.

En Xuvenil A Hugo Dufrese levou a vitoria en Castellolí polo que lidera a táboa con 20 puntos. David Avendaño é segundo con 17 e Martín Riobo terceiro con 15. Pau Martínez tamén gañou en Barcelona e encabeza a xeral de Xuvenil B. Pol Mediña é segundo e Baptiste Llorens terceiro.

As mozas tamén volven á competición despois da carreira de febreiro. En Feminino A Sandra Gómez, Mireia Conde e Elisabet Soleira foron as mellores naquela ocasión e agora lideran a clasificación. En Feminino B fano Alba Lara, Andrea Mira e Mireia Lozano.

Nuns días o mellor trial español chegará a Pontevedra.

30 de abril de 2014 | 11:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.