O luns ábrese o prazo de inscrición para os cursos “Ourense Saudable” sobre relaxación, intelixencia emocional e actividade física
A Concellería de Saúde do Concello de Ourense, pon en marcha, dentro do programa “Ourense Saudable”, obradoiros para traballar tanto a saúde física como a emocional, buscando un equilibrio entre as dúas para acadar unha vida saudable. O obxectivo das actividades, que son gratuítas, é dotar aos participantes de estratexias e capacidades para afrontar as situacións de risco ás que estamos sometidos ao longo da vida emocional e social, buscando o benestar.
O prazo de inscrición abre este luns, día 7 de abril, e manterase aberto para tódalas persoas interesadas ata o día 22 deste mesmo mes. As tres actividades organizadas se celebrarán entre os meses de maio e xuño.
O obradoiro de relaxación buscará superar e controlar os problemas relacionados coa saúde xeral, insomnio, hipertensión, dores de cabeza, asma bronquial ou tensión. Os métodos de relaxación empréganse tamén como tratamento de condicións emocionais e físicas. Entre os obxectivos deste obradoiro, destinado a menores de 61 anos, atópase o fomento do equilibrio emocional ao coñecer as técnicas de relaxación, a mellora da calidade de vida activa, e a prevención e control da ansiedade.
O obradorio de saúde emocional empregará técnicas e obras de teatro para aprender a flexibilizar, relaxar e ver máis aló do que asemella a simple vista, dotando aos participantes das habilidades necesarias para dirixir, negociar e resolver problemáticas vitais. O curso facilitará o recoñecemento da propia persoa, as emocións e os sentimentos, traballando conxuntamente para mellorar o equilibrio emocional. Os obxectivos destes cursos son dotar de estratexias e mecanismos que axuden a afrontar cambios emocionais, e fomentar a autoestima e os sentimentos positivos.
Andainas saudables
Así mesmo, e formando parte deste mesmo programa, organizaranse diversas rutas saudables, onde se aprenderán e darán a coñecer os exercicios físicos máis aconsellables para cada participante. A través das andainas, xeraranse hábitos de vida saudables relacionados coa actividade física, fomentarase a autoestima e os sentimentos positivos, e favorecerase a calidade de vida. O Loña, o paseo das Ninfas e o Barbañica serán os escenarios destas andainas, que se celebrarán durante o mes de xuño.











