O Kaiak Tudense impúxose por equipos na Copa de España en Verducido

kaiak Tudense
O Kaiak Tudense impúxose por equipos na Copa de España de 1.000 metros que durante dous días se disputou en Verducido. Superou na clasificación final ao Náutico de Sevilla, os dous conxuntos que manteñen unha gran rivalidade. Os tudenses engaden un novo título ao seu palmarés, despois de gañar hai pouco máis dun mes o Campionato de España. Na última xornada da Copa de España, Galicia volveu brillar. Logrou cinco medallas na categoría sénior.
O Breogán do Grove impúxose en C-4. O conxunto formado por Ton Campos, Cristian Rivademar, Diego Romero e Jacobo Domínguez chegou primeiro á chegada, aínda que a Ría de Betanzos, con Alejandro Fraga, José Manuel Sánchez, David Mosquera e Adrián Edreira púxolle as cousas complicadas. Os gañadores garantiron o triunfo nos últimos metros.
O Kaiak Tudense ocupou a terceira posición final. David Costas, Brais Casas, Ramón Ferro e Óscar Graña foron os compoñentes do equipo. Nesta modalidade de C-4, as tres primeiras formacións foron galegas.
A vitoria en K-4 foi tamén para o Kaiak Tudense, con Rubén Milleiro, Víctor Rodríguez, Roi Hortas e Diego Piña. A súa vitoria foi incontestable por diante do Grupo de Cultura Covadonga. O cuarto posto ocupouno o Piragüismo Aldán. Rodrigo Tiebo, Carlos Pérez Rial, Rodrigo Germade e Manuel Caamaño foron os compoñentes da embarcación.
Na categoría feminina de k-4 disputada sobre a distancia de 500 metros, a vitoria correspondeu ao Grupo Cultural Covadonga. Pero o Kaiak Tudense estivo a piques de lograla, aínda que ao final o equipo composto por Ana Varela, Carla Pérez, Leticia Piña e Valeria Romero foron segundas. O terceiro lugar correspondeu ao Breogán do Grove con Elizabeth Álvarez, Sara Bravo, Laura García e Natalia García.
O Kaiak Tudense foi o campión por clubs e o segundo foi o Náutico de Sevilla. O Club Piragüismo Aranjuez ocupou a terceira praza. A Copa de España disputouse durante dous días en Verducido coa presenza de case 500 padexeiras. Case a metade dos mesmos foron galegos.











