O II Festival do Humor achegará á Laracha a catro destacados cómicos galegos
Catro dos cómicos galegos máis destacados do momento forman o cartel do II Festival do Humor do Concello da Laracha, que se desenvolverá ao longo do mes de maio na Casa da Cultura da capital municipal.
O goberno local aposta un ano máis por traer ao Concello espectáculos cómicos de alta calidade cos monólogos a cargo de Rober Bodegas, Víctor Fábregas, Cándido Pazó e Manuel Manquiña, que estarán cargados da retranca galega e o humor crítico que os caracteriza.
Rober Bodegas abrirá o programa o 9 de maio cun show de dúas horas de duración no que fai un repaso por pequenas cousas que moitas veces se pasan por alto da publicidade, a seguridade, os aeroportos ou as dietas. O cómico carballés está a triunfar con este espectáculo por toda España.
O 16 de maio Víctor Fábregas presenta Inmortal!, un dos monólogos galegos mellor valorados polo público. O disparatado e surrealista espectáculo do actor muradano (coñecido, entre outros, polo seu papel de Tucho de Os Tonechos e o carteiro na serie da TVG Era Visto) baséase nun ser que, tras conseguir vencer á morte, reflexiona sobre todo o que leva consigo ter unha existencia infinita.
O vigués Cándido Pazó máis que un monologuista é considerado un “contador de historias” e un “cómico da palabra”. O 23 de maio mesturará na Laracha o humor coas lendas nunha aposta segura de entretemento que, ademais de rir e divertirse, fará ao público pensar.
Por último, o polifacético Manuel Manquiña pechará o II Festival do Humor da Laracha o 30 de maio co seu show máis persoal, titulado El indignado, que promete non deixar indiferente a ninguén.
As entradas sairán á venda nos próximos días e poderanse adquirir na Casa do Concello ao prezo de cinco euros para cada un dos espectáculos.











