O I Salón do Calzado contará con sete comerciantes e dous fabricantes monfortinos
Esta fin de semana a Praza de Abastos de Monforte acollerá o I Salón do Calzado, coa participación de fabricantes e das mellores zapaterías da cidade.
Mercados de Monforte prestará a máxima atención a un dos sectores máis importantes e de maior tradición en Monforte. A nosa cidade sempre se caracterizou por fabricar e comercializar zapatos de gran calidade e por contar cunha oferta de primeiro nivel.
O Salón do Calzado será unha gran oportunidade para que os comerciantes mostren as tendencias da tempada primavera-verán e para que os visitantes podan mercar calzado da nova tempada ou restos da tempada outono-inverno a prezo de oferta.
Os fabricantes e comerciantes monfortinos que participarán neste mercado representan o mellor do sector do calzado na nosa cidade. Como fabricantes acudirán Curgal e Losal e, como comerciantes, estarán no mercado as zapaterías Avril, Aira, Isabel, Vintage, Kukín, Losal e Don Zapato.
A historia do calzado en Monforte tamén contará cun espazo neste mercado, no que haberá unha exposición centrada neste aspecto. Documentos, fotografías, ferramentas, peles, formas antigas, etc…, conformarán a exposición sobre o pasado desta industria en Monforte.
O Salón do Calzado nace con vocación de continuidade e de converterse nunha cita anual, e co obxectivo de ser un instrumento para que o sector mostre as novas tendencias en moda e as súas ofertas.
O Salón abrirá o sábado día 26 en horario de mañá e tarde e o domingo día 27 en horario matinal.











