O Hostal dos Reis Católicos acolle un campionato para elixir ao mellor cocteleiro de Galicia
A 13ª edición do Campionato Galego de Coctelería Clásica buscará este sábado, 12 de abril, ao mellor cocteleiro galego do ano da man, unha vez máis, da Asociación Galega de Barmen, que celebrará o concurso no Hostal dos Reis Católicos. Ademais do concurso de clásico, a Capela do Hostal acollerá tamén o XII Trofeo Especial ao Mellor Cóctel elaborado con Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e unha nova edición, e van cinco, do Campionato Galego de Flairtending, a modalidade de coctelería máis acrobática e vistosa, que aos poucos vai gañando adeptos.
Un total de 22 barmen – 16 na modalidade de clásico e 6 na de flairtending – porán as súas creacións a xuízo do xurado degustador e técnico, que será o encargado de escoller aos gañadores do único certame oficial destas características que se celebra na comunidade e no que se decidirá quen representarán a Galicia no Campionato Nacional da Asociación de Barmans Españois.











