O grupo baionés “Nortada” será o encargado de inaugurar a X edición do Directo Xove de Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O Directo Xove 2014 arranca este venres día 25 de abril co concerto dos baioneses “Nortada” que debutan por vez primeira nun escenario grazas a este certame musical, no que presentarán o seu primeiro traballo.

Os catro compoñentes de “Nortada” (Toje- Voz principal e guitarra, Néstor-Guitarra, Juaminha-Baixo e Breo-Batería) comezaron xuntos a súa andaina musical no inverno de 2013 unidos pola súa inquedanza pola música e cun nexo común: o Rock .

Néstor, o guitarrista, fálanos sobre o concerto de mañá.

Emocionados por participar no Directo Xove 2014?
Si, é o noso primeiro concerto xuntos e estamos bastante ilusionados por actuar diante do público.

Como levades o de ser os encargados de inaugurar esta décima edición do certame?
Hai un pouco de presión porque é o primeiro concerto e ademais da xente de Cangas sabemos que tamén van a vir persoas de Baiona. Tampouco sabemos moi ben como funcionan os concertos do Directo Xove pero esperamos que haxa xente e que sexa unha boa experiencia para todos.

Que ides a ofrecer ao público coa vosa actuación?
Festa, Punk, Rock e sobre todo bastante caña. Temos previsto tocar 10 pezas e ademais dos nosos temas, nos que levamos traballando un ano, tamén temos preparada algunha sorpresa con verisións para que o público tamén o pase ben con cancións coñecidas.

Como nace “Nortada” ?
Somos un grupo de amigos que xa tocaba noutros grupos con diferentes estilos (gaita&roll, punk, rock,metal, pop…) e nos xuntamos porque nos apetecía facer unha cousa “cañera”.

Como definirías o voso estilo?
Somos coma unha “Nortada” o propio nome o indica. Potente, unha forza do Norte, somos caña.

Este verán tedes previsto presentar a vosa primeira maqueta , que podemos atopar nela?
Empezaremos a preparala en breve. Estará formada por cinco temas propios, algúns máis melódicos e outros máis cañeros. Polo momento estamos traballando para conseguir fondos e poder botala a andar.

Como animariades ao público para que vos vaian a ver mañá?
Van a ver algo novo, diferente e seguro pasarán un bo rato. Que veñan porque vai haber moita festa.

O concerto comezará a partir das 10.30 horas na sala Templo. A entrada custará 3€ e a recadación será integramente para o grupo.

24 de abril de 2014 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.