O goberno vilagarcián estuda tomar medidas contra EU polo lixo tras o Festival Mundo Vermello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Xunta de Goberno Local abordará mañá as medidas a adoptar contra Esquerda Unida pola acumulación de lixo deixado na Praza da Peixería tras a celebración a pasada fin de semana do Festival Mundo Vermello organizado pola formación esquerdista. O Concello cedeu o uso do recinto tras a petición realizada polo concelleiro de UE, Ramón Bueno, coa condición, entre outras, de que a organización se responsabilizarse da limpeza das instalacións unha vez rematada a actividade tal como se recolle na certificación do permiso remitido ao edil. A día de hoxe e transcorridos cinco días dende o festival, EU aínda non tiña adecentado a Praza provocando as queixas doutros usuarios que usan habitualmente o recinto para a celebración de curso e actividades.

Bolsas de supermercados, botellas, latas vasos e demais desperdicios acumúlanse na Praza da Peixería dende a pasada fin de semana, cando se celebrou no recinto o festival organizado por Esquerda Unida para conmemorar o aniversario da revista Mundo Vermello. O evento consistiu na celebración de concertos o venres e o sábado, 18 e 19 de abril. Ademais de ceder o uso da Praza da Peixería, o Concello atendendo a petición subscrita por Ramón Bueno, tamén colaborou mediante a impresión de 50 carteis promocionais do evento.

Dende o goberno local sinalan que o incumprimento do requisito de limpeza non só dana a imaxe do Concello, xa que tamén prexudicou a outros colectivos, como a unha asociación que ensaia semanalmente na Peixería e que se atopou coas instalacións cheas de lixo. Dada a situación, e como esta fin de semana prevense outros actos na Praza, o Concello procederá hoxe a súa limpeza, pero a Xunta Local de Goberno abordará mañá na súa xuntanza semanal as medidas a adoptar contra EU.

A falta de limpeza na Peixería non foi a única mostra de falta de civismo amosada por Esquerda Unida, segundo manifestaron dende o goberno local, xa que tamén colocaron numerosos carteis no festival en farois, papeleiras e outros elementos do mobiliario urbano, algo que non está permitido.

24 de abril de 2014 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.