O goberno galego desbloquea un novo ambulatorio en Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoLocal Portada
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o desbloqueo do expediente para proceder en cuestión de días á licitación do centro de saúde de Arteixo-Vilarrodiz.

Con esta nova infraestrutura, o responsable do Executivo autonómico lembrou que a Xunta prosegue a modernización da rede de centros de atención primaria e dá un paso máis para cumprir o seu compromiso de construír 15 centros de saúde nesta lexislatura. Así, precisou que, neste momento, está aprobada xa a construción de sete centros de saúde: en Tui, Panxón (Nigrán), Buño (Malpica), Galeras (Santiago), O Couto (Ourense), Oia e agora Arteixo.

Sobre o que se edificará en Arteixo, salientou que contará cun investimento de 2,8 millóns de euros e cun prazo de execución de 15 meses, e que este novo ambulatorio poderá chegar a beneficiar a 15.000 cidadáns que viven nesta zona.

Así mesmo, apuntou que a superficie total do centro será de 2.000 m² e contará cunha área médica para 14 consultas, unha área pediátrica de tres consultas, mais fisioterapia, salas polivalentes, e unha área de administración, arquivo, almacén e outros servizos comúns.

30 de abril de 2014 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.