O goberno de Vilagarcía solicitará á Xunta o límite de 30 quilómetros por hora para a estrada vella de Bamio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello dirixirase á Xunta de Galicia para solicitar a implantación do límite máximo de circulación a 30 quilómetros hora na estrada vella de Bamio. Con esta medida preténdese aumentar a seguridade viaria nunha vía na que, pese a non ser especialmente problemática, ten características de vía urbana na maior parte do seu trazado e na que esta mesma mañá foron atropelados dous nenos cando atravesaban por un paso de peóns na zona de Vilar, á altura da farmacia.

O accidente rexistrouse ás 8:47 da mañá, cando os nenos se dirixían ao colexio e foron alcanzados por unha furgoneta de reparto conducida por un veciño de Ferrol que circulaba en dirección a Catoira. O vehículo non transitaba a unha velocidade excesiva e o accidente produciuse nun tramo recto con boa visibilidade, polo que se sospeita que debeuse a un despiste do condutor que dixo non ter visto aos nenos e freou xusto enriba do paso de peóns. A proba de alcoholemia practicada ao condutor dou negativa. Policía Local e Servizo Municipal de Emerxencias trasladáronse á zona para asistir no accidente.

As vítimas foron unha nena de 8 anos e un neno de 10 que non perderon a consciencia en ningún momento. Ámbolos dous foron trasladados en ambulancia ao Hospital do Salnés para realizarlles as probas pertinentes. O neno foi dado de alta no transcurso da mañá e a nena permanecía en observación a mediodía posto que sufría un traumatismo crano encefálico.

O concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, Cholo Pérez Dorgambide, comentou que, aínda que a estrada vella de Bamio, a PO 192, non é é especialmente conflitiva en canto a sinistralidade, en vista do acontecido o Concello vai a solicitar á Xunta de Galicia, titular da vía, a limitación máxima de velocidade a 30 quilómetros hora, que a nova lei prevé para determinadas vías urbanas e que en Vilagarcía xa se implantou en outras zonas como no centro urbano ou nas cortornas dos colexios. A petición realízase ao entender que a estrada de Bamio cumpre coas características de urbana na meirande parte do seu percorrido, e tendo en conta que o tráfico de paso absórbeo a estrada xeral de Vilagarcía a Catoira.

24 de abril de 2014 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.