O goberno de Nigrán propón destinar 300.000 euros a resolver problemas históricos da vila

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNigrán
A-
A+

O goberno municipal levará á sesión plenaria do próximo luns 28 de xaneiro unha proposta de investimento dos fondos procedentes das expropiacións de Porto do Molle, o antigo almacén municipal e da AG-57 valorada en máis de 300.000 euros, “dirixida a dar unha solución definitiva a problemas históricos do municipio, entre os que destacan o acceso ao punto limpo, o SAU-3 e o Camiño de Poutón”, sinala o rexedor municipal, Alberto Valverde.

Como se explicou semanas atrás, a problemática do acceso ao punto limpo radica na titularidade dos terreos sobre os que discorre o camiño de acceso tanto a esta nova infraestrutura como á estación depuradora, “un camiño que non só non está incluído no inventario municipal senón que ademais discorre por terreos propiedade de Zona Franca de Vigo, os cales xa foron reclamados por devandita administración en decembro de 2013”, lembra Valverde.

Por iso, o goberno municipal expón na súa proposta a adquisición da terreos titularidade de Zona Franca de Vigo para resolver de forma definitiva a situación de alegalidade do camiño de acceso, así como o asfaltado do viario, unha actuación que se executará a partir dun proxecto elaborado pola enxeñeira municipal que,  atendendo á tipoloxía de vehículos pesados que presumiblemente circularán por el, garantirá a súa seguridade e estabilidade.

SAU-3

A proposta do goberno municipal contempla destinar 65.131,8 euros á execución da primeira das tres fases necesarias “para resolver a situación de abandono na que se atopa o SAU da contorna de Panxón desde fai xa máis de 30 anos, e cuxa solución non pode dilatarse máis no tempo”, puntualiza Valverde. As obras desta primeira fase consisten na reparación dos servizos básicos ao SAU, “e dela dependen máis dun centenar de familiar”, subliña.

Camiño de Poutón

Parte destes fondos empregaranse en resolver o estado do Camiño do Poutón, fundamentalmente afectado por un problema de augas pluviais e pola precariedade do firme. As obras, valoradas en 21.700 euros, consistirán na instalación dunha rede de pluviais, actuación que será asumida por persoal municipal, e a pavimentación parcial do firme do camiño, “que se subcontratará ante a falta de medios internos para asumir a obra de forma interna”, observa Valverde.  

Outros investimentos

Completar a rede de saneamento e abastecemento do municipio é unha das liñas de actuación prioritarias do goberno municipal. Por iso, a proposta de Alcaldía reserva  25.000 euros dos fondos procedentes das expropiacións que, sumados aos 75.000 euros que se recollen no orzamento de 2014, empregaranse para mellorar o saneamento e abastecemento de auga en Nigrán.

A estes 100.000 euros de investimento en saneamento e abastecemento hai que engadir outros 100.000 euros de achega municipal, incluídos dentro do convenio subscrito pola Xunta de Galicia para mellorar a rede de abastecemento e saneamento, cuxo investimento total no período 2014-2015 ascende ao millón de euros.

Aos 7.370 euros que se destinarán á instalación dun sistema de placas solares para quentar a auga dos vestiarios do campo de fútbol de Vilariño para mellorar instalacións municipais, súmase a consignación de 50.000 euros para mellorar as condicións hixiénico-sanitarias dos vestiarios do campo de fútbol de Condomínguez. “Esta actuación, que se financiará a través dunha subvención da Xunta de Galicia, cuxa tramitación xa foi iniciada, é prioritaria nunha instalación municipal na que non se inviste desde hai anos e que é usada por máis dun milleiro de persoas, máis do 80% son nenos e nenas deste concello”, subliña Valverde.

26 de abril de 2014 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.