O goberno de Nigrán informa sobre as deficiencias do sinal de TDT en Priegue
Tras un informe elaborado por técnicos da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, a petición do goberno municipal, o Concello de Nigrán informa de deficiencias subsanables na recepción do sinal da TD na parroquia de Priegue, máis concretamente, na contorna das Medoñas.
Na súa visita, os técnicos detectaron que no lugar das Medoñas hai algunhas vivendas que non teñen a antena correctamente orientada, a pesar de ter visión directa co centro de extensión de Priegue. Para emendar os problemas de recepción de sinal de TDT, os interesados deberán contactar cun antenista autorizado para orientar correctamente as antenas receptoras.
Tamén observaron un grupo de cinco ou seis casas situadas na parte alta de Rúa As Medoñas que carecen de visión óptica directa co centro de Priegue, o que podería traducirse en dificultades para recibir de forma correcta o sinal da televisión. Neste caso, a Secretaría Xeral de Medios recomenda a conexión TDT vía satélite (SAT-TDT), unha solución gratuíta que permite ampliar a cobertura da TDT a toda a poboación.
Esta instalación é moi similar á TDT habitual, que precisa unha antena parabólica e un decodificador específico para a recepción do sinal vía satélite, o que se pode adquirir libremente a través dun distribuidor autorizado. As persoas interesadas poden contactar con algúns dos distribuidores autorizados que figuran na listaxe actualizada, a través do seguinte enlace http://www.sattdt.es/consultaInstaladores.aspx.











