O Fórum Metropolitano acolle a representación de ‘Pequenos actos pseudorrevolucionarios’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

A Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández informa de que o vindeiro venres, 4 de abril, o Fórum Metropolitano acolle unha nova representación dentro do ciclo Sen Numerar. Neste caso, Ibuprofeno Teatro sóbese ao escenario con Pequenos actos pseudorrevolucionarios, que recibiu o Premio María Casares en 2013 na categoría de Mellor texto orixinal. 

Pequenos actos pseudorrevolucionarios é un espectáculo cómico-político-absurdo baseado nuns textos escritos a partir dun proceso de investigación e creación colectiva, protagonizados por dous personaxes que deciden emprender accións de protesta para expresar o seu desacordo con institucións públicas e persoais. Unha historia de amor entre un mozo e unha moza que se coñecen cando ela vai a un comercio e pide un orzamento para comprar unha cantidade desproporcionada de pintura rosa; namóranse cando rouban un Papá Noel luminoso da decoración pública do Nadal; e pasan unha crise de parella cando veñen de sacar todo o diñeiro do banco.

Ibuprofeno Teatro está formado por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, dous profesionais que despois de anos de traxectoria en numerosas compañías galegas e foráneas (Maquinaria Pesada, Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, CDG, A Factoría, Nove Dous, Balea Branca Produccións, Teatro Triángulo, Theatre Organic e Llu Llu Teatro, entre outras) promoven en 2010 a súa propia produción para emprender proxectos teatrais dunha maneira persoal e independente, nos que poidan integrar a escritura dramática mesmo no proceso de creación e na posta en escena dos espectáculos.

Pequenos actos pseudorrevolucionarios represéntase o venres, 4 de abril, no Fórum Metropolitano ás 20.30 horas. O prezo das entradas é de 7 euros (con carné novo, maiores de 65 anos e desempregados, 5 euros). As entradas pódense adquirir a través das canles habituais:

-Despacho de billetes central, na praza de Ourense: até o vindeiro venres, de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas (pagos en efectivo).

-Despacho de billetes do Fórum: o día de función, desde unha hora antes (pagos en efectivo).

-Televenta: 902 504 500 – www.servinova.com.

FICHA ARTÍSTICA:

Creación e interpretación: Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.

Movemento escénico: Carmela Bo.

Iluminación: Salvador do Río.

Imaxe: Diego Seixo.

Deseño de vestiario: Marián Bañobre.

Realización de vestiario: Raquel Martínez e Maruja González.

Cobertura técnica: Ningures Produción.

2 de abril de 2014 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.