O Festival de Jazz e a Mostra de Teatro Universitario erguen a Ourense como Capital Cultural do Eixo Atlántico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Mañá comeza a XVIII Edición do Festival de Jazz de Primavera, que organiza Café Latino, e que conta coa colaboración da Concellería de Cultura. Será cun concerto a cargo de Renee Rosnes Qaurtet (Canadá), unha das máis importantes pianistas de jazz da súa xeración. Ao día seguinte, xoves 24, será o turno de Jerry González Trío, un auténtico animal do jazz latino. Ambos concertos comezarán ás 22 h no Café Latino, e teñen un prezo de 10 €.

Asemade mañá mércores, o Liceo da cidade, será escenario da conferencia que ofrecerá o divulgador Federico Mayor Zaragoza baixo o título Por fin, la voz de los pueblos. Será ás 20.30 h no Salón Noble do Liceo. Federico Mayor Zaragoza é actualmente o Presidente Fundación Cultura de Paz, e ao longo da súa biografía ocupou diversas responsabilidades públicas como Ministro de Educación y Ciencia (1981 – 82), ou Director Xeral da UNESCO en 1987 reelexido no 1993. A Concellería de Educación e Cultura ven colaborando habitualmente coa fundación da que é presidente.

Por outra banda, a Mostra Internacional de Teatro de Ourense – Miteu – acada a súa XIX Edición. A estrea é o venres día 25 na rúa do Paseo co espectáculo Chispeando. A partir dese día e ata o 9 de maio, terán lugar máis de 39 actividades entre actuacións, espectáculos, concertos, documentais, presentacións…

A maiores o domingo ás 12 h, o Auditorio acolle a programación infantil co espectáculo Maxia Branca, de Barafunda Teatro. Alí os máis pequenos e pequenas poderán coñecer a historia de Lolo, que quere aprender a ser mago, e Xabi, que tentará ensinarlle o máis básico. A partir de 6 anos. Venda de entradas en www.servinova.com ou desde dúas horas antes do comezo de cada actividade.

22 de abril de 2014 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.