O Festival de Jazz de Primavera de Ourense chega á maioría de idade nunha edición moi flamenca
O Festival de Jazz de Primavera de Ourense acada este ano a súa maioría de idade coa 18ª edición que achegará un ano máis a Ourense primeiras figuras do jazz a nivel nacional e internacional. O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, a concelleira de Cultura, Ana Garrido, Eduardo Rodríguez, responsable do Café Latino e Marco Vázquez, da Fundación Florencio Álvarez participaron esta mañá na presentación do certame, que se desenvolverá do día 23 de abril ata o 24 de maio, organizado por Café Latino coa colaboración do Concello e da Fundación.
Será o festival con máis fusión flamenca ao longo da súa historia, sinalou Eduardo Rodríguez, quen destacou que o festival deste ano estará marcado pola lembranza do xenial guitarrista e compositor flamenco Paco de Lucía, recentememte falecido, xa que actuarán en Ourense ata 7 músicos que tocaron con el.
O programa do XVIII Festival de Jazz de Primavera inclúe un total de 12 espectáculos: 7 no Café Latino, 1 na Praza de Santa Eufemia e 4 concertos didácticos para escolares de Secundaria, no Auditorio (organizados pola Fundación Florencio Álvarez coa colaboración do Concello).
O certame rematará o día 24 de maio, coa actuación de Chano Domínguez Trío, o grupo dun dos pianistas de jazz flamenco máis importantes de España, ás 23:00 horas na Praza de Santa Eufemia.
Por outra parte, e con motivo da elección de Ourense como Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2014, actuará no Festival un dos mellores músicos de jazz do país veciño: Hugo Alves, que tocará no Latino o día 5 de maio, acompañado de Eric Alexander e o pianista galego Abe Rabade.
O certame comezará o día 23 de abril, ás 22:00 horas coa actuación da pianista canadiana Renee Rosnes, co seu cuarteto, no Café Latino (15 euros), e continuará coas actuacións de:
Jerry González Trío, o xoves de abril, 24, no Café Latino ás 22:00 horas (10 euros)
Hugo Alves Cuarteto con Eric Alexander, o luns, 5 de maio, ás 22:00 horas, no Café Latino (10 euros)
Concertos didácticos para escolares a cargo de Romaní-Mitchell Swing Serenaders, os días 13 e 14 de maio, de 10:00 a 11:00 e de 12:00 a 13:00 horas, Auditorio.
Romaní-Mitchell Swing Serenaders, o martes, 13 de maio, ás 22:00 horas, no Café Latino, con entrada libre.
Jorge Pardo, Javier Colina, Josemi Carmona e “Bandolero”, o mércores, 14 de maio, ás 22:00 horas no Café Latino (15 euros)
Diego Amador Trío con Llibert Fortuny, o mércores, 21 de maio, ás 22:00 horas no Café Latino (10 euros)
Tony Miceli Trío, o xoves, 22 de maio, ás 22:00 horas no Café Latino (10 euros)
Chano Dominguez Trío, o sábado, 24 de maio, ás 23:00 horas na Praza de Samta Eufemia.
Amplia e variada oferta musical da cidade
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, destacou a importancia do Festival de Jazz, que dá continuidade á oferta musical da cidade. “Na variedade está o gusto, e en Ourense podémonos sentir orgullosos”, afirmou Agustín Fernández, quen lembrou que recén rematado o Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso, e cando se ven de presentar unha nova edición do Derrame Rock, que terá lugar os días 20 e 21 de xuño, Ourense acollerá este certame de referencia do mundo do jazz, que ao longo dos anos ten achegado a Ourense a un gran número de músicos e primeiro nivel do mundo do jazz a nivel internacional











