O departamento de Cultura coruñés conmemora o Día Internacional da Danza con 5 espectáculos
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada polo director do Teatro Rosalía Castro, Xosé Paulo Rodríguez, presentou esta mañá o programa de actividades que a área que dirixe deseñou para conmemorar o Día Internacional da Danza, unha efeméride que se celebra cada 29 de abril desde 1982 co fin de dar unha maior difusión á arte da danza e atender as solicitudes dun público fiel que demanda novas propostas creativas. Segundo informou a concelleira, realizaranse un total de cinco espectáculos en diferentes puntos da cidade entre os días 29 e 30.
Ana Fernández, quen agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña e a Rede Galega de Teatros e Auditorios, explicou que a proposta pretende conectar cos diferentes tipos de público e, por este motivo, inclúense espectáculos en grao sumo variado, con actividades ao aire libre e en equipamentos municipais como o Fórum Metropolitano, a Ágora e o Teatro Rosalía Castro:
Martes 29 de abril
A proposta da Concellaría de Cultura inclúe catro espectáculos gratuítos na Coruña:
– Ás 14.00 horas, a compañía Entremáns representa a obra Si quiero no Obelisco (si chove trasladarase aos soportais do Teatro Rosalía Castro). Cunha duración de 15 minutos, a coreografía e a interpretación correrán a cargo de Ana Beatriz Pérez e Armando Martén.
– Ás 18.00 horas, o hall do Fórum Metropolitano acolle A orixe, das Driadas, unha proposta que percorre a historia do hip hop desde os seus inicios en Nova York nos anos 60 até a actualidade. Con entrada libre até completar o aforamento, a actuación -baixo a coreografía, interpretación e dirección de Alba Fernández e Estefanía Gómez- ten unha duración de 55 minutos.
– Ás 19.00 horas, no exterior da Ágora (si chove farase dentro das instalacións do centro sociocultural) representarase Olivia necesita verán, baixo a dirección e interpretación de Ánxela Branco. A entrada tamén será libre.
– Ás 20.30 horas, na praza de María Pita, Catro non metro presenta o seu espectáculo Bótoche unha man?, interpretada por Alba Fernández, Estefanía Gómez e David Edreira. De 50 minutos, a entrada tamén é libre. No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan desenvolver a actuación ao aire libre, trasladarase aos soportais da praza de María Pita.
Mércores 30 de abril
Matarile Teatro presenta, ás 20.30 horas,Staying Alive, unha obra enmarcada dentro do ciclo TRCdanza 2014. Baixo a dirección de Ana Vallés, o Teatro Rosalía Castro acolle esta obra na que Mónica García, Nuria Sotelo, Rut Balbís e a propia Ana Vallés falan sobre a vida. As entradas pódense adquirir con prezos que oscilan entre os 6,5 e os 14 euros (descontos do 20% co carné novo, maiores de 65 anos e desempregados). As entradas están á venda a través das canles habituais: despacho de billetes da praza de Ourense, en horario de luns a venres, excepto festivos, de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas; televenta no teléfono 902 504 500, de luns a sábado de 08.00 a 22.00 horas; a través da web taquilla.servinova.com durante as 24 horas do día; ou, o mesmo día da función, no despacho de billetes do Teatro Rosalía Castro, de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas.
Esta celebración do Día Internacional da Danza sumar ao esforzo que se está facendo desde o Concello para completar un proceso de visibilización e normalización da danza, cunha programación estable de espectáculos de danza e artes do movemento no Fórum Metropolitano, a Ágora e o Teatro Rosalía Castro. Neste sentido, destaca a nova edición de TRCdanza: un total de 11 espectáculos con propostas de diferentes estilos e formatos, e no que por terceiro ano consecutivo o Teatro Rosalía Castro resultou seleccionado para entrar no circuíto Danza a Escena, un programa que permite contar con compañías de máxima calidade.











