O Concello organiza unhas xornadas para mostrar a riqueza da poboación de anfibios e réptiles de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Aula Municipal de Natureza do río Miño organiza a actividade “Xornadas herpetolóxicas ourensás: Ourense, capital herpetolóxica”, que se desenvolverán os sábados, días 26 de abril, 10 e 31 de maio.

Ourense é a capital de provincia galega con maior número de especies de anfibios e réptiles. Este feito, pouco coñecido polos seus habitantes, fai necesario un esforzo por parte de todos para a conservación e divulgación desta riqueza.

Con esta finalidade, o Concello de Ourense organiza 3 xornadas de achega ás poboacións de anfibios e réptiles, que buscan sensibilizar á poboación ourensá na conservación destas especies, que moitas veces causan unha repulsión ou medo inxustificado. Tamén se pretende promocionar esta riqueza faunística entre aquelas persoas interesada no mundo dos anfibios e réptiles doutros puntos do país.

Será unha xornada cada 2 semanas, con temática variada, os sábados pola mañá. A actividade é gratuíta, está dirixida a nenos e adultos, tanto expertos coma profanos, e as persoas interesada poden inscribirse na Aula de Natureza do río Miño, no Paseo de Oira, teléfono 988 510781.

Comezarán este sábado, 26 de abril, de 10 a 14 horas, na Aula de Oira, con saída práctica ao Monte comunal A Granxa. A seguinte xornada será o sábado, 10 de maio, con saída a Vilar de Astrés, e o sábado, 31 de maio, con saída a Montealegre-Monterrei.

22 de abril de 2014 | 11:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.